A xunta de goberno da Deputación resolve as axudas a 43 entidades deportivas e sen ánimo de lucro para a organización de eventos

Reunión da Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Asisiten Luis Menor Pérez (Presidente Deputación); Marta Nóvoa Iglesias (VicePresidenta 1ª); César Fernández Gil (VicePresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Rosendo Fernández; Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU); Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU); Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense); Adamantino Barreiro García (Vicesecretario da Deputación de Ourense).

A xunta de goberno da Deputación reuniuse esta mañá, en sesión ordinaria, coa fin de aprobar diferentes asuntos de interese para o conxunto da provincia. 

Así, aprobouse a resolución da convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos 2023. Tras estimar e desestimar diferentes reclamacións, finalmente foron 43 as asociacións e entidades beneficiarias, cunha achega en conxunto de 59.873 euros. Tamén se acordou ampliar o prazo xeral de xustificación das subvencións concedidas e establecido nas bases da convocatoria, debido á dilación na convocatoria do presente concurso, ata o día 20 de decembro de 2023.  

AVANTAR ACTIVIDADES

A xunta de goberno provincial tamén fixou o importe dos prezos públicos para Pazolandia 23, o maior parque estacional de atraccións de Galicia e cunha afluencia estimada de 25.000 persoas durante as vacacións do Nadal, cuxa entrada custará 5 euros para o público xeral e 4 euros para grupos en viaxes promovidos polos concellos da provincia. Pazolandia estará nas instalacións do Pazo dos Deportes “Paco Paz” entre o 26 de decembro de 2023 e o 4 de xaneiro de 2024. 

Na mesma sesión, tamén se concederon senllas achegas ao Concello de Laza, para a execución da obra de abastecemento en Retorta (80.000€) e para a reparación de infraestruturas en varios núcleos municipais (48.000€). Por último, á Mancomunidade Voluntaria de Municipios de Ourense concedéuselle tamén unha axuda de 2.800 euros para honorarios de redacción dos proxectos das obras.