Os propietarios de vivendas e edificios xa poden optar ás axudas da Xunta de ata 38.750 € para mellorar a eficiencia enerxética dos seus inmobles

Desde hoxe tamén se poden pedir subvencións dun máximo de 3.500 € para elaborar o chamado libro do edificio e de ata 30.000 € para os proxectos de rehabilitación

O prazo para acollerse a estes dous novos programas, que suman un orzamento global de máis de 24 M€, permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de novembro

AVANTAR ACTIVIDADES

As axudas da Xunta para obras de mellora da eficiencia enerxética en vivendas unifamiliares e edificios residenciais xa se poden solicitar desde hoxe. O importe máximo destes novos incentivos chegará ata os 38.750 euros, cubrindo en determinados supostos o 100% do custo da intervención a realizar.

Este luns, 16 de maio, publicouse no DOG a primeira convocatoria do programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, financiado con cargo aos fondos NextGenerationUE e cun orzamento de 22,9 millóns de euros, polo que se converte na liña de incentivos neste eido co maior orzamento da historia.

Neste caso, os incentivos económicos destinaranse a apoiar actuacións de mellora da envolvente de edificios de uso colectivo e vivendas unifamiliares —como a renovación de fachadas e de cubertas—, e a substituír equipos de calefacción e de auga quente para lograr, como mínimo, un aforro enerxético do 30%.

De feito, atendendo aos ingresos dos solicitantes e á porcentaxe de redución dos consumos que se acade —a lo menos dun 30% en calquera caso—, a contía da subvención pode chegar ata os 38.750 euros, se a actuación prevé a retirada de elementos con amianto, e a un máximo de 26.750 euros noutros supostos.

Así mesmo, desde hoxe tamén se poden solicitar as axudas para elaboración do libro do edificio existente e para redacción de proxectos, documentación que xa é obrigatoria no caso de inmobles de nova construción e que se quere fomentar para o resto. A convocatoria de 2022, publicada onte, conta cun orzamento de 1,25 millóns de euros e vai dirixida a edificios ou vivendas rematadas antes do ano 2000 que se vaian rehabilitar.

A contía máxima desta axuda será de 3.500 euros cando se destine a elaborar o libro do edificio e poderá chegar ata os 30.000 euros se o que se quere financiar é o proxecto técnico correspondente e necesario para executar as obras de mellora.

Grazas a estas dúas novas liñas de axudas fomentarase a rehabilitación enerxética no eido residencial a través de incentivos cos que se poderá cubrir non só o custo dos traballos a realizar sobre o inmoble, senón tamén os gastos asociados a trámites previos pero imprescindibles para poder executar este tipo de intervencións.

O orzamento reservado para estas dúas convocatorias suma un total de máis de 24 millóns de euros e nos dous casos, as persoas e comunidades de propietarios interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde hoxe, 17 de maio, ata o vindeiro 30 de novembro.