COMUNICADO DA FORMACIÓN DE ESPAZO COMÚN DO CARBALLIÑO:
A historia da obra para o arranxo da rúa Ourense resulta un reflexo claro do modelo de xestión do actual goberno do Carballiño e do estilo do seu alcalde.
Despois de case tres anos de promesas incumpridas, de enredos cos diferentes proxectos, de reunións cos veciños da zona con versións diferentes en cada unha e de multiples cantos de taberna, a principal arteria de entrada ao casco urbán do Carballiño segue a presentar un estado digno da consideración de zona catastrófica.
E o peor, aínda non está pechado o proxecto de arranxo a executar que, segundo o afirmado polo alcalde, estáse a modificar xa por quinta ou sexta vez.
É por iso que poderíamos tildar de escandaloso que vimos de descubrir.
O pasado 30 de decembro e ante a máis ca previsible revolta dos afectados ao non cumplir a súa promesa de licitar a obra antes do fin de 2021, Fumega sacábase da manga unha moi oportuna foto, asinando un convenio co seu amigo, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, polo que este organismo comprometía 920.000 € para dita obra.
O titular moi vendible para a prensa fixo o seu efecto e apaciguou os ánimos, dando todos (os veciños e nós) o enésimo voto de confianza sobre a cuestión.
Pois ben, a tomadura de pelo non pode ser máis grande.
Unha vez tivemos acceso ao documento, resulta que só se trata dunha declaración de intencións e que non obriga a nada a ninguén. O que se dí papel mollado.
Reproducimos aquí textualmente a clausula séptima e derradeira dun texto que debería facer que os actores se avergoñaran da patética utilización política dos seus cargos:
“SÉPTIMA: Natureza:
O presente protocolo é unha declaración de intencións sen contido obrigacional, é dicir, sen que do mesmo se derive compromiso efectivo para as partes, compromiso para o que, no seu caso, estarase ao que se estableza no preceptivo e específico convenio”.
Dende Espazo Común xa anunciamos que levaremos ao vindeiro pleno unha moción para tratar sobre este tema pero ademáis, exixiremos ao alcalde explicacións por esta tomadura de pelo que xa roza o delirio.
Ademáis faremos chegar as queixas duns veciños fartos de que os mareen con cifras, datas, proxectos e convenios e que o único que queren é que se arranxe xa a súa rúa.