O PSDEG-PSOE reclamará para Ourense a sede da axencia estatal de IA e axudas para os sectores afectados pola crise provocada pola invasión de Ucranía

“A brutal crise demográfica e a implantación no campus universitario do grao e do máster en Intelixencia Artificial, deixan claro que somos o lugar máis axeitado para acoller a Axencia Estatal de IA”

“Tras vetar as axudas en abril, PP, DO e a tránsfuga Lama deben deixar de lado o seu vergoñento partidismo sectarista e aprobar a necesaria batería de medidas para axudar aos afectados pola crise”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE reclamará para Ourense, no pleno ordinario da Deputación que se celebrará este venres 27, a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial que a Xunta reivindica para Galicia e que o Goberno central prevé desconcentrar. Na mesma sesión tamén impulsarán un amplo plan de axudas e medidas para os sectores máis afectados pola crise provocada pola invasión de Ucraína ordenada por Vladimir Putin, logo de que os grupos conservadores da corporación –PP, DO e a tránsfuga Lama– vetasen estas axudas no pleno de abril.

“Somos o lugar máis axeitado para acoller a Axencia Estatal de IA”

Unha das mocións pide ao Goberno galego que reclame para Ourense a sede da Axencia Estatal de IA en base ao estipulado no Real Decreto 209/2022, que establece o procedemento para a determinación das sedes físicas de entidades do sector público estatal, así como pór en marcha políticas de descentralización de actividades e infraestruturas, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía. Tamén insta ao Goberno de España a afondar en políticas de descentralización de actividades e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos e, nomeadamente, que unha sexa esta axencia.

Os e as socialistas aseguran que “está comprobado que afondar na descentralización de actividades e infraestruturas nos territorios que non son capital estatal ou rexional, contribúe a frear esta tendencia poboacional negativa” e a “xerar innovación e emprego de calidade, así como a impulsar sinerxias transversais na economía”. “Os graves e brutais problemas demográficos da provincia e a inminente implantación no campus universitario do grao e do máster en Intelixencia Artificial, son factores determinantes que deixan claro que somos o lugar máis axeitado”, insisten.

Desde o PSOE ourensán remachan a “imperiosa necesidade” de “accións de discriminación positiva real” como a desconcentración de órganos do sector público institucional estatal, así como de outros entes da Xunta, polo que consideran que a Deputación “debe reclamar unanimemente decisións estatais e autonómicas para reverter unha situación de declive demográfico que non sucedeu en practicamente ningunha outra provincia”.

“PP, DO e a tránsfuga deben deixar de lado o partidismo sectarista”

Na mesma sesión, o PSdeG-PSOE tamén reclamará a PP, DO e á deputada tránsfuga, Montse Lama, que “deixen de lado o partidismo sectarista e vergoñento” que amosaron no pleno de abril, ao “vetar” co seu “rodillo conservador” iniciativas en favor dos colectivos e persoas afectados pola invasión de Ucraína. “Agardamos que voten si a axudar a transportistas, refuxiados ou gandeiros xa que outro non sería inhumano”, advirten.  

Entre eses colectivos atópanse os transportistas de mercadorías. A Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia reclamou a esta institución axudas como as outorgadas pola Deputación da Coruña e resulta evidente a necesidade destas axudas ao consultar os datos da provincia veciña: o crédito de cinco millóns esgotouse en menos de 24 horas. “O que fixo a institución coruñesa debería ser replicado polas outras tres deputacións galegas e pola Xunta canto antes”, sinalan desde o PSOE.

Os e as socialistas tamén consideran “sorprendente” que, nunha provincia como Ourense, cun sector agrogandeiro que exerce un “papel  nuclear para a nosa economía”, a Deputación de Baltar e Jácome non propuxera medidas motu proprio para este sector. “Para moitos veciños e veciñas é vital adoptar esta decisión”, sinalan.

A iniciativa inclúe as medidas impulsadas polo PSdeG-PSOE, pero tamén achega a meirande parte das propostas que o PP trasladou ao pleno provincial de abril, mediante unha emenda á moción orixinal. Por iso pide á Deputación un plan enerxético dotado cun 1 millón; axudas directas para os transportistas e o sector dos servizos por dous millóns ou un millón para o sector primario.

Pero tamén demanda a outras institucións un plan social de axudas ás familias máis vulnerables; un fondo de avais para empresas; reforzar as medidas activas no plan de aforro enerxético;  activar o Bono Enerxía PEME; préstamos directos do IGAPE para a industria manufactureira; o cambio na regulación do mercado eléctrico para desvincular o prezo da enerxía eléctrica do prezo do gas ou reducir o gasto improdutivo. “Cremos que esta nova e actualizada iniciativa, pola súa importancia, debe ser aprobada unanimemente”, conclúen.