A Santa Sede vén de autorizar a concesión dun Ano Santo Xubilar para a parroquia de San Cibrao do Carballiño e con adicación especial ao Templo da Veracruz. O anuncio desta excelente nova facíao este mediodía o bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, ao remate da misa solemne que él mesmo presidíu na igrexa deseñada por Antonio Palacios con motivo da celebración da festividade do San Cibrao, patrón da vila do Arenteiro.

O prelado diocesano así o anunciaba ante os asistentes ao rito litúrxico do 17 de Setembro, entre os que se atopaban o alcalde en funcións, José Castro-Gil e membros da Corporación Municipal, o deputado Argimiro Marnotes e mesmo o coordinador da Unidade de Atención Parroquial do Carballiño, Jorge Juan Pérez, que actuou como concelebrante do oficio relixioso e no que o Orfeón do Carballiño puxo a armonización musical.
O propio bispo apuntou que o motivo desta declaración é que neste mesmo ano cúmprense 125 anos da chegada ao Carballiño da reliquia da Cruz de Cristo, o ‘Lignum Crucis’, que con posterioridade daría nome á nova igrexa parroquial de San Cibrao: A Vera Cruz. Asemade, dentro dun ano exacto, o 17 de Setembro de 2027, tamén se conmemora o 75º aniversario da apertura ao culto do templo que tivo a Palacios como arquitecto e ao párroco don Evaristo Vaamonde como principal promotor e impulsor.

Monseñor Leonardo Lemos facía estas declaracións tras a bendición do novo Gran Relicario, situado na xirola tra-lo altar da igrexa, e que custodiará as tres reliquias da Vera Cruz, e onde os fieis e os peregrinos terán a oportunidade de veneralas permanentemente. O bispo lembrou que “hai pouco máis dun mes, eu trasladei á Santa Sede a petición feita polo párroco e entidades culturais, civís e relixiosas do Carballiño nas que se recollía esta inquedanza para conmemorar os dous aniversarios”.
O Ano Santo Xubilar dará comezo o vindeiro 31 de outubro e estenderase ata a data do 17 de setembro do vindeiro ano, e elo suporá un ano de indulxencia plenaria e de chamada para potenciais peregrinos, e, tal e como adiantou Lemos, tamén servirá para a estrea dun novo órgano que se instalará no coro alto da Veracruz.
“Un Ano Xubilar supón para nós, os creentes, un ano extraordinario de predicación, de catequese, de formación e crecemento espiritual, e é un ano onde o feito cultural tamén ten que estar presente”, asegurou o bispo de Ourense, quen se decantou por denominalo “Ano Xubilar da Veracruz do Carballiño”. No periodo que vai ata a festividade de San Cibrao de 2027, xa están programadas diferentes “peregrinacións de rapaces, catequistas, homes e mulleres da cultura e da educación” e un evento especial adicado ás corais polifónicas,


















