O PsdeG critica a Baltar e a deputada Lama por amparar e aplaudir a Jacome

IES CHAMOSO LAMAS

Baltar e a tránsfuga Lama amparan e aplauden a Jácome, o alcalde agresor que pegou a unha muller, votando en contra da súa reprobación e dimisión

“Actuando desde xeito e amparando a quen maltrata a unha muller, cae vostede na sima máis profunda da misoxinia e a putrefacción ética, estética e política”, denunciou Villarino en referencia a Baltar

OZOCOgz Deseño Galego

O PSOE cualifica como “inasumible para a democracia” que Ojea negase a existencia da agresión e que a deputada tránsfuga Lama amosase compresión polo agresor “porque lle pode pasar a calquera”

O PSdeG-PSOE denuncia que Manuel Baltar, o PP de Galicia e a deputada tránsfuga, Montse Lama, amparan e aplauden a Gonzalo Pérez Jácome, o alcalde agresor que pegou a unha muller, votando en contra de condenar o bochornoso ataque e de reclamar a súa reprobación e dimisión nun pleno extraordinario celebrado hoxe na Deputación de Ourense, onde o rexedor tamén é deputado.

“Algúns amárranse ao sillón como sexa e válelles calquera”, proclamou o voceiro e secretario provincial do PSOE, Rafa Villarino, xusto despois de escoitar os “ignominiosos argumentos” verquidos polos grupos conservadores para protexer a continuidade do alcalde agresor e do presidente da Deputación non seus postos “a calquera prezo” mediante un “pacto da vergoña”.

Os e as socialistas consideran “inasumible para a democracia” que o voceiro de DO e tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea, incluso negase a existencia da agresión a unha sindicalista, Lola Panero, durante unha protesta na Praza Maior da terceira cidade de Galicia. Pola súa banda, a deputada tránsfuga Lama incluso amosou comprensión pola escandalosa agresión, cualificando os feitos como un “erro” que “lle pode pasar a calquera”, unha actitude que sinalan como “vergoñenta” e “indigna” desde o grupo provincial.

Villarino defendeu que o 15 de xuño de 2019 “consumouse unha fraude electoral na cidade”, cando o PP, segunda forza política, cedeu os seus votos á terceira forza –DO– para investir a Jácome como alcalde. “Pervertíase o sentir das urnas ao colocar a quen ninguén quería na Deputación e na alcaldía de Ourense, augurándose, como así foi, unha era tan inestable como letal para a nosa terra”, salientou, algo que estamos a comprobar “semana tras semana”.

O líder do PSdeG-PSOE recordou como Baltar dixo aos medios, ao día seguinte da agresión, que “este tipo de actitudes no caben en la vida pública” e que “no hay ninguna disculpa posible“. Tamén como Alfonso Rueda definiu os feitos como “absolutamente inaceptables”, sinalando que o sucedido “facía moi difícil manter o pacto con Jácome”. “Que pasou para que mudara esta posición e sostiveran que bastaba cunha simple petición de perdón que, ademais, non aconteceu?” preguntou Villarino sen obter resposta algunha, antes de salientar que “sucedeu o contrario” ao “culpar Jácome de liberada e agresora á propia sindicalista”. “A petición de perdón serve para reparar a personalidade de quen agrediu, mais non para eximir da responsabilidade”, insistiu.

“O PP blinda a Jácome como o seu alcalde”, advertiu ante a actitude “compracente” dos conservadores cunha agresión “inédita” na política española. Para o voceiro socialista, Baltar “ampara gobernantes que agriden ás mulleres e ata trivializou dicindo que debe ser o asunto máis importante que se ten producido en Ourense nos últimos anos”.

Tamén recordou ao presidente da Deputación “como quedou a súa imaxe pública coas mulleres tralo deshonroso caso do hotel Francisco II”, polo que “o último que debería facer e rirse das mulleres”. “Actuando desde xeito e amparando a quen maltrata a unha muller, cae vostede na sima máis profunda da misoxinia e a putrefacción ética, estética e política”, denunciou ante a negativa de Baltar a reprobar e esixir a dimisión do agresor.

O líder socialista recordou as palabras do exalcalde ourensán e exportavoz do PP no Concello da capital, Jesús Vázquez, quen afirmou nunha entrevista que “las decisiones no las tomaba yo y todo me venía impuesto, no pintaba nada ahí“, a respecto do obrigado pacto con Jácome. “Esta mesma opinión é a que me transmiten as concelleiras e os concelleiros populares cos que falo e sinálano a vostede como responsable do que está a acontecer”, destapou antes de acusar a Baltar de ser “responsable máximo do que está a pasar na cidade e da desfeita na provincia”. “Ambas cuestións teñen remedio, agora ou cunha espera insoportable dun ano máis”, concluíu.

Estas son as propostas ás que hoxe votaron non Partido Popular, Democracia Ourensana e a deputada tránsfuga:

1.      A Corporación da Deputación Provincial de Ourense condena rotundamente a agresión física e verbal do alcalde de Ourense e deputado provincial, Gonzalo Pérez Jácome, a unha muller, Lola Panero, no decurso da concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital o día 3 de maio de 2022 e traslada todo o seu apoio e respecto á agredida.

2.      A Corporación da Deputación Provincial de Ourense reproba ao alcalde de Ourense e deputado provincial, Gonzalo Pérez Jácome, por agredir física e verbalmente a unha muller, Lola Panero, que o día 3 de maio de 2022 se manifestaba nunha concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital ourensá, pola ser un feito absolutamente intolerable e antidemocrático.

3.      A Corporación da Deputación Provincial de Ourense solicita a dimisión inmediata do alcalde de Ourense e deputado provincial, Gonzalo Pérez Jácome, ante a gravidade dos feitos acontecidos o día 3 de maio de 2022 ás portas do Concello de Ourense, onde agrediu física e verbalmente a unha muller, Lola Panero, que se manifestaba nunha concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital ourensá, pola ser un feito absolutamente intolerable e antidemocrático.

4.      A Corporación da Deputación Provincial de Ourense solicita ao Partido Popular e, nomeadamente, ao seu presidente provincial, José Manuel Baltar e ao seu presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, a inmediata retirada de calquera tipo de apoio ou acordo político ou institucional, a Gonzalo Pérez Jácome e a súa formación, Democracia Ourensana, ante a gravidade dos feitos acontecidos o día 3 de maio de 2022 ante o Concello de Ourense, onde agrediu física e verbalmente a unha muller, Lola Panero, que se manifestaba durante unha concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital ourensá.

5.      A Corporación da Deputación Provincial de Ourense traslada o seu apoio aos traballadores e traballadoras do servizo de transporte urbano de Ourense na defensa dos seus dereitos laborais, así como na reivindicación dos mesmos.