O ximnasio Madokoan do Carballiño volveu deixar pegada nunha competición de ámbito nacional tras a participación de sete dos seus deportistas no Open Nacional ISKA de Kickboxing e Muaythai, formando parte da selección galega.
A cita reuniu en Bilbao a numerosos competidores de diferentes comunidades autónomas nun dos eventos máis destacados do calendario nacional destas disciplinas, no que os deportistas galegos volveron demostrar un alto nivel competitivo.
A representación do Madokoan saldouse cun excelente balance de medallas. Alejandro Carnero conseguiu unha medalla de prata e outra de bronce; Yago Brito proclamouse campión na súa categoría, ademais de lograr un bronce; Ares Caldera subiu ao máis alto do podio en tres ocasións; Sarahy Lorenzo obtivo dous bronces; Valeria Rivero acadou un ouro e unha prata; mentres que Uxía Teixeira e Lorena Da Silva pecharon unha brillante actuación con tres medallas de ouro cada unha.
Estes resultados poñen de manifesto o gran momento deportivo que atravesa o ximnasio carballiñés, que continúa formando deportistas capaces de competir ao máis alto nivel e representar con éxito tanto ao Carballiño como a Galicia en competicións nacionais.
O Open Nacional ISKA é unha das probas de referencia do calendario estatal de kickboxing e muaythai, reunindo a deportistas de distintas categorías e modalidades nunha competición de alto nivel técnico.

















