O PPdeG aposta por atraer un turismo “sostible e equilibrado” a Galicia “fronte á turismofobia”

Paula Prado visita Termatalia xunto á Comisión de Turismo do PPdeG, presidida pola coordinadora desta área, Noelia Martínez Cagiao

• “Traballaremos para ser unha Comunidade amable que sexa cada día máis visitada, ofrecendo todos os servizos e recursos dispoñibles”, di a secretaria xeral sobre unha actividade económica “fundamental” para o noso territorio

AVANTAR ACTIVIDADES

• Resalta a necesidade de seguir incrementando todas as posibilidades que ofrece o termalismo e a cidade de Ourense, algo que farán os populares da man do candidato do PP á Alcaldía, Manuel Cabezas

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou a política “seria e responsable” do seu partido para atraer un turismo “sostible e equilibrado” e para fomentar unha actividade económica “fundamental” para a Comunidade “fronte á turismofobia”. “Como a que ofrece o BNG, con campañas como a de rachar co Xacobeo”, exemplificou.

“Traballaremos para que Galicia sexa unha Comunidade amable para os turistas e para que sexa cada día máis visitada por todo o mundo, ofrecendo todos os servizos e recursos dispoñibles”, indicou durante unha visita a Termatalia, en Ourense.

Acompañada por Nava Castro e polo resto de membros da Comisión de Turismo, que posteriormente se reuniron nunha xuntanza presidida pola coordinadora desta área, Noelia Martínez Cagiao, para seguir avanzando nas propostas nas que traballa este laboratorio de ideas constituído en xullo; salientou a presenza de dous dos seus integrantes, “dous ourensáns de excepción”: Rogelio Martínez e Avelino de Francisco.

A número dous dos populares galegos tamén resaltou que Galicia ten as mellores cifras da historia —máis viaxeiro, pernoctacións e Compostelas que nunca—, afeando a actitude dos que cuestionan o turismo e o Xacobeo, pois “Galicia non medra espantando aos turistas e peregrinos, senón sendo os mellores anfitrións posibles”. Sobre isto, incidiu en que o turismo formará parte dos programas electorais dos 313 concellos galegos.

TURISMO E TERMALISMO, BALUARTES DE OURENSE

Paula Prado tamén destacou que o turismo é un dos baluartes de Ourense, xa que a “capital mundial do termalismo” é unha “fonte inesgotable de recursos” para os turistas e visitantes.

Por este motivo, remarcou a necesidade de seguir incrementando todas as posibilidades que ofrece o termalismo e tamén a urbe de Ourense, algo que farán os populares da man do candidato do PP á Alcaldía, Manuel Cabezas, cuxo proxecto é “o que a cidade necesita”.