A revista Raigame homenaxea á Xeración Nós no seu centenario

Baltar e Xulio Fernandez
Revista Raigame dedicada á Xeración Nós.- Na sala de prensa do Pazo Provincial terá lugar a presentación do nº 44 da Revista Raigame dedicada nesta edición á Xeración Nós. O acto contará coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e do director da publicación, Xulio Fernández Senra.

O nº 44 da revista Raigame, que edita a Deputación de Ourense, homenaxea á Xeración Nós coincidindo co seu centenario, “unha publicación que ten que ver coa propia esencia de Ourense, co ADN da nosa cultura, ca aposta permanente desta Deputación e coa tradición e a alma deste pobo, así como co nacemento e berce do pensamento galeguista que non é outro que un vehículo cultural como foi a Revista Nós, que o 30 de outubro deste ano, cumpre 100 anos do seu primeiro número”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación da publicación na sala de prensa do Pazo Provincial, acompañado polo director da revista Raigame, Xulio Fernández Senra.

Este número da revista Raigame decidiuse que fora “integramente, unha homenaxe a Nós, polo que felicito a revista Raigame por singularizar o papel de Nós e a escolla dos nove artigos que compoñen este número converténdoo nunha edición imprescindible que abrangue as últimas perspectivas que van desde o estético, o xurídico e pasando polo lingüístico”, salientou Baltar.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así mesmo, o presidente do goberno provincial agradeceu aos autores dos artigos que compoñen o número 44 da revista Raigame por poñer a disposición de Ourense unha publicación que “revaloriza o papel de Nós, un movemento político e cultural que nunca debemos esquecer e que sempre debe presidir calquera das nosas accións sexan políticas, públicas e mesmo privadas, porque responden a un colectivo que naceu do pobo recollendo reivindicacións e pensamentos sociais”.

Pola súa parte, Xulio Fernández Senra explicou que nesta ocasión, cando decidiron dedicar este número á Xeración Nós, déronse conta que os colaboradores e membros desta xeración eran xa coñecidos e a súa obra estaba divulgada, polo que decidiron que nesta publicación se debía afondar nos contidos da revista Nós recollendo así diferentes apartados para ofrecer “unha visión xeral e ampla”. Algúns dos contidos que se trataron en Nós e que recolle este número da revista Raigame son: o tema da prehistoria, a etnografía e o folclore, Ourense como cerne tamén ten un espazo na publicación, o tema político, a estética de Nós, o papel da muller na época da revista Nós, a narrativa, a educación e as preocupacións lingüísticas da revista Nós.