O PSOE de Punxín cualifica as contas de 2021 como “unha tomadura de pelo á veciñanza”

IES CHAMOSO LAMAS

O PSdeG-PSOE de Punxín cualifica as contas do Concello, relativas ao exercicio 2021, como unha “tomadura de pelo” á veciñanza do municipio. As socialistas critican que o goberno municipal presente unhas contas cun superávit de 120.000 euros, nun concello no que “está todo por facer” e no que segundo subliñan hai unha “grave” carencia de investimentos en todas as materias.

No día de hoxe, as concelleiras socialistas participaron na Comisión Especial de Contas, celebrada no consistorio de Punxín e na que manifestaron a súa “total” oposición ás contas presentadas e a “nefasta” xestión do grupo de goberno municipal, conformado polo Partido Popular e un concelleiro non adscrito. Para o Grupo Municipal Socialista “é inadmisible que exista un superávit, en lugar de aproveitalo para realizar os investimentos tan necesarios que reclama á veciñanza en materias como as infraestruturas, servizos sociais, termalismo ou arranxo e mantemento de diferentes lugares e vías”.

HIPER MASIDE

Para a voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, as contas presentadas polo Partido Popular e o seu socio, o concelleiro non adscrito, poñen de manifesto que tanto o alcalde como os seus concelleiros “rin da veciñanza de Punxín, xa que namentres o rexedor di que non hai cartos ante calquera solicitude dos veciños e veciñas para realizar investimentos, atopámonos agora con superávit do exercicio anterior, que ben se podería ter aproveitado en beneficio de Punxín”.

Peleteiro Vázquez salienta que en Punxín “está todo por facer”, xa que segundo explica “durante o actual mandato, o equipo de goberno destacou polo seu pasotismo e desleixo, polo que nos atopamos cun municipio totalmente abandonado, ante a nefasta xestión dun goberno municipal que nin resolve os problemas, nin mira e aposta pola veciñanza”.

Dende o PSdeG-PSOE de Punxín tamén lembran que os concelleiros que están apoiando ao actual alcalde, Manuel Vázquez, e a súa xestión “son tan responsables coma el da deriva que está tomando Punxín”. Segundo manifestan “atopámonos cun concello que non só non avanza, senón que comeza a retroceder a pasos axigantados”.

As concelleiras socialistas tamén critican a ausencia do concelleiro non adscrito, Eulogio González, o que demostra “a súa total desidia polo presente e futuro de Punxín”, nunha actitude que consideran “impropia” dun cargo público que foi elixido pola veciñanza para defender os seus intereses e que segundo explican “nin está nin se lle espera a hora de traballar por Punxín”. Na Comisión Especial de Contas tampouco estivo presente o concelleiro de CxG.