A Xunta reforza a dotación de equipamento do GES de Avión coa entrega de un furgón de emerxencias

A Xunta reforza a dotación de equipamento dos GES de Brión, Avión e Folgoso do Courel coa entrega de tres furgóns de emerxencias

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, fixo entrega hoxe de cadanseu vehículo 4×4 equipado para o transporte de auga na extinción de pequenos incendios e de material a intervencións en zonas de difícil acceso

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta destina case 270.000 euros na adquisición destes tres vehículos, unha achega que forma parte dun investimento de 1,5M€ para mellorar o material de 15 GES da comunidade

O Goberno galego leva investidos nos últimos anos 21M€ en equipamento para os servizos de emerxencias, tanto os GES como as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo entrega hoxe de cadanseu furgón 4×4 de servizos varios aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) con sede en Brión, Avión e Folgoso do Courel, que supón un investimento de case 270.000 euros -89.540 euros cada un- para reforzar o equipamento destes grupos.  Ao acto tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Con esta entrega, a Xunta mantén o seu compromiso para dotar dos medios necesarios aos servizos de emerxencias da comunidade e, por tanto, que o servizo que prestan aos cidadáns sexa o máis eficiente posible, xa que son investimentos necesarios nun ámbito tan importante como a atención ás emerxencias co obxectivo de garantir algo tan fundamental como a protección e a seguridade da cidadanía.

Pese a tratarse dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación- nos últimos anos o Goberno galego leva feito un investimento histórico que xa supera os 21 millóns de euros en material cedido aos concellos galegos, dos cales 7 millóns euros foron para os GES e 11 millóns euros para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que co seu traballo altruísta prestan un apoio fundamental aos servizos de emerxencias.

Aos 7 millóns euros destinados a equipar aos GES da comunidade desde a súa posta en marcha en 2013, súmanse neste ano outros 1,5 millóns en distinto material para 15 grupos, entre o que se atopan os 3 vehículos cedidos hoxe.

Neste caso, os tres furgóns permiten o transporte de auga para extinción de pequenos incendios, ao contar cunha cisterna de máis de 500 litros, e tamén material para servizos varios en intervencións en zonas de difícil acceso.

Así, mellorarán o seu equipamento o GES de Santiago-A Barcala, que ademais de Brión atende aos concellos de Ames e Negreira; o GES da zona Quiroga-Terra de Lemos con sede en Folgoso do Courel, e que tamén cubre os de A Pobra de Brollón, Quiroga e Ribas de Sil; xunto co GES da subzona O Ribeiro-Avión, con sede neste municipio e que tamén atende aos de Beariz e Boborás.

Diego Calvo destacou a necesidade de colaboración das administracións co obxectivo de dotar aos profesionais destes servizos do equipamento necesario co que garantir a súa seguridade nas súas intervencións e, por ende, a dos seus veciños. 

Cómpre lembrar que ao mapa de emerxencias de Galicia incorporáronse o ano pasado o GES da Cañiza, A Lama e Mos/Redondela, en Pontevedra; A Veiga e Maceda, en Ourense; e o servizo municipal de emerxencias de Noia, no marco dun mesmo convenio entre Xunta, deputacións e concellos. Este ano, debido á decisión das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra de rexeitar as melloras propostas pola Xunta, nestas 3 provincias manteranse as condicións actuais e na de Ourense aplicaranse nos seus 12 GES as melloras plantexadas en canto á cobertura das emerxencias en Galicia, nas condicións laborais e económicas dos GES existentes e no incremento dos cadros de persoal dos servicios de emerxencia que non contaban con 12 efectivos.Imaxes relacionadas