Manuel Baltar cualifica como “falta de consideración” o silencio do Goberno fronte á petición da FEMP de abordar a xestión dos fondos europeos

A Xunta de Goberno da federación, reunida esta mañá en Madrid, reclama a urxente convocatoria da Comisión Nacional de Administracións Locais co fin de abordar os problemas que provocan os axustados prazos para a execución dos fondos Next Generation

O presidente da Deputación empraza ao Executivo da nación a cumprir coa súa obriga política e moral: “Reunirse co máximo órgano de goberno do mundo local español para coñecer a situación de desamparo e incerteza dos concellos”

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta mañá en Madrid na reunión da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que reclamou ao Executivo central a urxente convocatoria da Comisión Nacional de Administracións Locais, co fin de abordar, entre outras cuestións, os problemas que están causando os axustados prazos para a execución dos fondos europeos Next Generation. Unha reunión xa solicitada hai meses pero que só obtivo o silencio como resposta, “o que supón unha falta de consideración non só coa propia federación, senón tamén, e aínda máis importante, con todo o mundo local español”, lamenta Manuel Baltar.

Concellos e deputacións expresaron na reunión desta mañá a súa preocupación polos problemas que teñen á hora de executar proxectos financiados cos fondos europeos de recuperación, debido principalmente ás dificultades coas que se atopan para o cumprimento duns prazos moi axustados. “Unha circunstancia que require de solucións inmediatas, como a habilitación de prórrogas, para evitar que se teñan que devolver eses fondos”, advirte Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial tamén reclama a inmediata convocatoria da Comisión Nacional de Administracións Locais (CNAL), “porque queremos que o Goberno perciba directamente a nosa preocupación nunha xuntanza presencial, e non por carta”. Os concellos, destaca Manuel Baltar, están hoxe nunha situación de debilidade económica “e o Goberno da nación debe ser sensible e cumprir coa súa obriga política e moral: reunirse co máximo órgano de goberno do mundo local español”. Só deste modo poderán coñecer “a situación de desamparo e incerteza dos concellos no que se refire á xestión dos fondos Next Generation”.

Manuel Baltar pide un Executivo que saiba “dialogar e escoitar”, actitudes fundamentais para ter en conta as necesidades reais da veciñanza, engadindo que “non só falamos dos concellos máis poboados, senón dos menos habitados e con menos recursos, que son os que necesitan máis apoio das administracións”.

Inquedanzas das administracións locais

A Xunta de Goberno da FEMP tamén esixe abordar nesta próxima reunión da CNAL a necesidade de compensar ás administracións locais pola perda recaudatoria que supón para os gobernos locais a nova normativa do tributo das plusvalías. Para esta xuntanza de traballo tamén prantexan os problemas derivados da suba de prezos de materiais en obras xa contratadas e diversas cuestións encadradas na financiación local. 

A Xunta de Goberno aprobou a firma de dous de convenios de colaboración da FEMP co Ministerio de Interior: un coa Dirección General de Protección Civil y Emergencias e outro coa Secretaría General de Instituciones Penitenciarias, referido ao “cumplimiento de penas en beneficio de la Comunidad”. Ademais, entre outras cuestións, a Federación aprobou o documento “Medidas para la Mejora de la Eficiencia Energética en las Ciudades”, e unha declaración institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI.