O vicepresidente Rosendo Fernández participou na presentación da campaña “Camiña a Galicia”, no Teatro Principal

Presentación da campaña "Camiña a Galicia" no Teatro Principal. Asisiten Rosendo Fernández (Vicepresidente da Deputación Ourense), Alfonso Rueda Valenzuela (Presidente da Xunta de Galicia), Nava Castro (Directora de Turismo de Galicia), Gabriel Alén Castro (Delegado da Xunta en Ourense) e Cesáreo González Pardal (Presidente do Clúster Turismo de Galicia), e o acto será conducido pola presentadora Belén Xestal. Tamén actuará Xoel López (autor da canción que acompaña a anuncio publicitario).

O vicepresidente primeiro da Deputación lembrou na súa intervención que o Camiño de Santiago está na esencia de Ourense: “A Vía da Plata e o Camiño de Inverno están composto de natureza, patrimonio, enogastronomía e termalismo, catro elementos clave e que están representados na nosa marca turística, ‘OU”

Rosendo Fernández reivindicou a importancia da chegada do AVE e a cooperación entre administracións para potenciar o Camiño de Santiago

AVANTAR ACTIVIDADES

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta mañá no Teatro Principal na presentación da campaña “Camiña a Galicia” 2022. O acto estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e contou coa presencia do presidente do Clúster de Galicia, Cesáreo González; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; alcaldes, deputados, parlamentarios autonómicos, delegados territoriais e representantes do tecido socioeconómico de Galicia. Durante o acto, que estivo presentado por Belén Xestal e no que actuou Xoel López, proxectouse o vídeo da campaña “Camiña a Galicia 2022”. 

Rosendo Fernández agradeceu na súa intervención a elección do Teatro Principal como sede da presentación desta campaña turística da Xunta de Galicia: “Esta é unha acción que ten que ver coa esencia do noso destino. O Camiño de Santiago en Ourense conta con dous itinerarios xacobeos recoñecidos: a Vía da Prata e o Camiño de Inverno”. Son dous itinerarios, sinala o vicepresidente, “que permiten aos peregrinos vivir unha experiencia alternativa e tranquila, rodeados de natureza, con paradas obrigatorias para descubrir o noso patrimonio, que permite repoñer forzas coa nosa exquisita enogastronomía, e recuperarse desas camiñatas coas nosas augas mineiro medicinais. Catro compoñentes clave que falan da nosa esencia e que por elo están representados na nosa marca turística “OU” e que coinciden cos principais atributos valorados polos que visitan Galicia”. 

O vicepresidente primeiro da Deputación lembrou que “Ourense non só é porta de entrada ao Camiño en Galicia, senón que agora tamén é a porta de entrada da Alta Velocidade, fito que xa está a deixar un impacto máis ca positivo no conxunto do territorio”. E “este impulso á conectividade derivado da chegada do AVE unido ao novo perfil da demanda turística que aposta por espazos pouco masificados e experiencias auténticas”, destaca Rosendo Fernández, “transforman por completo a nosa capacidade competitiva como destino turístico”. 

Fernández amosou a satisfacción por “observar como cada día chegan á nosa Comunidade multitude de peregrinos de todo o mundo, dispostos a mergullarse na nosa cultura, historia e tradición a través dos Camiños que percorren as catro provincias. Un traballo que é resultado da cooperación, da que desde o goberno provincial somos firmes convencidos que debe ser o piar fundamental que sustente o labor de calquera institución”. 

No acto tamén interviron o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo González, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que reivindicou o traballo realizado pola administración autonómica para apoiar o sector turístico galego -especialmente nos peores momentos da pandemia- e lembrou o potencial de Galicia para seguir crecendo como destino de calidade, con elementos tractores como o Camiño de Santiago e o termalismo.