O grupo socialista lamenta que o PP non estea á altura do que precisan os parados e paradas de Galicia e vote a contra dun gran acordo parlamentario polo emprego

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Carmen Rodríguez Dacosta insta á Xunta a reactivar o diálogo social e convocar os comités territoriais de emprego, que non se reúnen dende 2019, para “transformar unha realidade preocupante para moitos galegos e galegas”

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta  lamentou hoxe o voto en contra do Partido Popular á moción do PSdeG para reclamar unha reforma integral das políticas activas de emprego en Galicia.

A proposta do PSdeG demandaba a posta en marcha de plans de choque para establecer un marco laboral de calidade para mocidade galega, para diminuír a fenda salarial entre mulleres e homes ou para favorecer a reincorporación ao mercado laboral dos e das paradas de longa duración. Tamén reclamaba un programa de autoemprego e un de reforzo dos sectores estratéxicos.

Tratábase, en definitiva, dun gran acordo parlamentario polo emprego co obxectivo de que a comunidade saia “dos últimos postos de creación de emprego en relación co resto do Estado”. Tendo en conta ademais que “o emprego é un dos piares para o exercicio da democracia”, para Carmen Rodríguez Dacosta o voto en contra do Partido Popular evidencia que “o PP non está á altura do que precisan os parados e paradas, a mocidade, as mulleres e as familias en Galicia”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Isto, para máis, sucede nun escenario no que as “ineficaces políticas activas da Xunta dende que Feijoo tomou posesión en 2009” deixan un mercado laboral caracterizado “por un escaso dinamismo e con insoportables índices de temporalidade e parcialidade involuntaria”. Como mostra, Carmen Rodríguez Dacosta evidenciou que o goberno de Feijoo derivou nunha caída da poboación activa de máis de 90.000 persoas e de case 65.000 na poboación ocupada.  

A maiores, Galicia perdeu o 9,9% do seu volume de traballo fronte ao 3,8% de España, destruíuse unha de cada catro horas no sector primario e houbo perdas superiores á medida estatal nas industrias que forman parte dos sectores estratéxicos galegos.

Fronte a estas situación, a única resposta da Xunta foi criticar a reforma laboral asegurando que leva a unha precariedade indefinida. Porén, Carmen Rodríguez Dacosta lembrou que a reforma laboral, realizada polo goberno de Pedro Sánchez, “xa contribúe a eliminar a temporalidade abusiva, asentar a paz social e garantir o acceso aos fondos europeos”. Puxo en valor tamén que “por primeira vez en 44 anos unha reforma desta magnitude logrou o consenso dos axentes sociais ao completo”

A parlamentaria do PSdeG lamentou que Feijoo se “inventase datos” para demostrar que a evolución do emprego en Galicia, nos últimos 12 anos, foi máis positiva que no resto de España. “Por desgraza isto non é certo”, zanxou Rodríguez Dacosta antes de explicar que o eventual descenso do paro sumado á destrución de emprego so se explica “polo declive demográfico, a emigración dos mozos ou a combinación de ambos factores”.

CÓMPRE REACTIVAR O DIÁLOGO SOCIAL E CONVOCAR OS COMITÉS DE EMPREGO

Neste escenario, Carmen Rodríguez Dacosta reclamoulle ao goberno galego que reactive as mesas de diálogo social co fin de analizar as eivas do mercado laboral e que se tomen as medidas de impulso consensuadas cos axentes sociais. Dende o PSdeG, explicou, “plantexamos ese diálogo social como mecanismo básico da democracia participativa e como unha estratexia e ferramenta onde a suma de esforzos, a cooperación e o diálogo poida transformar unha realidade preocupantes para moitos galegos e galegas”.

Nesta mesma liña, Rodríguez Dacosta tamén pediu que se reúnan os comités provinciais, territoriais e autonómicos de emprego. Estes órganos teñen que xuntarse cada 3 ou cada 6 meses, dependendo do caso, pero levan sen facelo dende finais do ano 2019. “É preceptivo”, dixo, “que se convoquen estes comités, que analizan as eivas e fortalezas do mercado laboral e os acertos ou erros das políticas emprendidas en marcha para que se dean conta das políticas que hai que levar a cabo”.

“O desexable é que hoxe saíramos desta Cámara cun que aposte polas relacións laborais negociadas na nosa comunidade”, dixo. Lamentablemente, non puido ser así polo rexeitamento do PP.

PROPOSTAS SOCIALISTAS FRONTE Á INEFICACIA DA XUNTA

Co obxectivo de reverter esta situación, a deputada socialista insistiu na necesidade dun plan de choque para mozos e mozas ou para parados de longa duración. Tamén no fortalecemento do SEPE en Galicia, co obxectivo é que sexa “un verdadeiro intermediador e punto de apoio das empresas para solicitar empregados aptos para as súas necesidades de contratación”.  

Ademais, fronte as demoras da Xunta, demandou unha diagnose que permita adecuar a formación dos parados e paradas á realidade á realidade das empresas. Nesta liña lamentou que a día de hoxe as necesidades formativas se fagan polos intereses dos centros formativos e non dos desempregados, o que supón “unha política clientelar adaptada ás políticas de emprego”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------