César Fernández reafirma o compromiso da Deputación coa MIT de Ribadavia como “evento fundamental da cultura ourensá e galega”

O vicepresidente segundo do goberno provincial, na presentación da 38 edición da mostra, puxo en valor unha cita referente no mundo da escena “que transforma a Ribadavia na capital galega e nacional do teatro durante o mes de xullo”

Felicitou á dirección do certame por un programa “variado e sempre caracterizado polos estándares de calidade habituais desta cita, que ano tras ano vaise superando”

AVANTAR ACTIVIDADES

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e responsable para os asuntos de cooperación cos concellos do Ribeiro, César Fernández, participou esta mañá na presentación da 38 edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), que se celebrará do 15 ao 24 de xullo na capital do Ribeiro. Na praza Buxán da vila déronse tamén cita para a presentación do programa a alcaldesa e a concelleira de Cultura, Noelia Rodríguez e Paula Domínguez; o secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Ourense, Manuel Arias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e o director da MIT, Roberto Pascual.

César Fernández puxo en valor unha mostra que, co paso dos anos, converteuse en todo un referente no mundo da escena, “transformando a Ribadavia na capital galega, e tamén nacional, do teatro durante o mes de xullo”. Así o entenderon tamén as administracións, engadiu, ata o punto de que hoxe a MIT “é todo un exemplo de colaboración institucional” pois conta co apoio do Concello de Ribadavia, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (Inaem).

Polo que respecta á Deputación de Ourense, o seu vicepresidente segundo reafirmou “o decidido compromiso do goberno provincial” coa MIT”, cooperación que se manterá no tempo “por se tratar dun dos eventos culturais fundamentais que se desenvolven non só na provincia de Ourense, senón tamén en toda Galicia”.

César Fernández felicitou ao director da Mostra Internacional de Teatro por un programa “variado e sempre caracterizado polos estándares de calidade habituais desta cita, que ano tras ano vaise superando”. A presente edición, destacou, suporá a recuperación das actividades habituais sen ningún tipo de medida sanitaria, “de xeito que o público poderá gozar de novo co teatro como antes da pandemia”