Placebo actuará en Ourense o 26 de agosto dentro da súa xira internacional ‘Never Let Me Go Out Now’

IES CHAMOSO LAMAS

Expourense acolleu esta mañá a presentación oficial do concerto de Placebo en Galicia, que se celebrará na noite do 26 de agosto na cidade de Ourense, con apertura de portas ás 20.00h e inicio do directo ás 22.30h. A cita, a única parada que a banda de culto británica fará en Galicia no marco da súa xira internacional Never Let Me Go Out Now, será un dos eventos de referencia do verán no territorio galego e forma parte da programación musical do Xacobeo 21-22, os ConcertosdoXacobeo.gal.


A cita de Placebo en Ourense é un dos únicos tres concertos que a mítica troupe liderada por Brian Molko e Stefan Olsdal ofrecerá en España no marco da súa nova xira mundial prevista para 2022 e 2023, con parada en cidades como San Francisco, Berlín, Copenhague, Londres, Manchester ou París. As outras dúas datas españolas corresponden a dous grandes festivais: Mad Cool e BBK Live. As entradas para o evento en Ourense están dispoñibles na plataforma web www.ataquilla.com, cun prezo de 40 euros máis gastos de xestión.

HIPER MASIDE

O Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, lembrou que o concerto é un dos pratos fortes do Xacobeo 21-22. “Queremos que a cultura axude a dinamizar o territorio. Alén da experiencia de gozar do espectacular directo dunha das bandas máis míticas da historia recente do pop-rock, queremos amosar o impresionante patrimonio natural e inmaterial que temos. E este concerto é unha nova constatación de que Ourense é o escenario ideal para eventos de carácter internacional”, sinalou Alén. Neste sentido, o representante institucional lembrou que a cita “está a xerar un notable interese entre o público de fóra da provincia”: do primeiro cupo de entradas a prezo reducido (30€), que xa está esgotado, a meirande parte das e dos compradores procede de cidades como Madrid, Vigo ou Barcelona.

Por este motivo, e de cara a favorecer o fluxo de visitantes ao territorio ourensán no verán, concretamente na fin de semana do 26 ao 28 de agosto, a organización do concerto presenta un paquete turístico exclusivo para fans de Placebo que inclúe, ademais da entrada ao evento, o aloxamento no Hotel Balneario de Laias, o transporte en tren de ida e volta desde Madrid ou os traslados para gozar de excursións singulares a dúas das xoias patrimoniais e vitivinícolas da rexión: Ribeira Sacra e O Ribeiro.


Tal e como explicou José Freiría, de Escena Sonora Producción Cultural -promotor do directo xunto a Thinking Up Events-, este paquete (posto en marcha coa colaboración de Offitravel) ten como finalidade favorecer o tránsito de seguidores da banda desde Madrid á vez que se ofrece a posibilidade de coñecer de primeira man espectaculares localizacións como o mosteiro de Santo Estevo ou mesmo os cañóns do Sil mediante unha viaxe en catamarán. Tamén haberá a posibilidad de gozar das termas de Prexigueiro, visitar bodegas do Ribeiro ou coñecer o Museo do Viño de Galicia. Durante a presentación do concerto, na que tamén participou o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, avanzouse que nas vindeiras semanas daranse a coñecer as bandas teloneiras do grupo británico para o seu directo do 26 de agosto en Ourense, das que xa se desvelou que serán galegas.