O BNG solicitará en pleno a optimización e reorganización dos recursos materiais e humanos do Servizo de limpeza e recollida de lixo

Alegan que existe maquinaria almacenada e sen máis uso que o do día da súa presentación por valor próximo ao millón de euros

Propoñen tamén unha reorganización do persoal para unha mellora na prestación do servizo

AVANTAR ACTIVIDADES

O Grupo Municipal do BNG ven de rexistrar unha moción para ser debatida no pleno ordinario do Concello de Ourense do vindeiro venres 1 de xullo na que comezan lembrando que o pasado 1 de abril de 2022, o contrato do Servizo de Limpeza e recollida de lixo do Concello de Ourense entraba en precario. A última prórroga do mesmo rematou o 31 de marzo polo que a limpeza e a recollida de lixo únese á longa lista de concesións que actualmente o concello ten en precario ou con contratos prorrogados, algo que evidentemente causa un grave prexuízo ao conxunto da veciñanza e as arcas municipais.

En dita moción, solicitarán á creación dun grupo de traballo para avaliar a situación da concesión coa presenza do Goberno Local, técnicos municipais, xerencia da UTE, representantes das traballadoras e traballadores, representantes veciñais e Grupos políticos co obxecto de reorganizar e optimizar os recursos materiais e humanos dispoñíbeis no servizo e a posta en común de propostas para o novo prego de adxudicación do servizo.

Igualmente outro dos puntos de acordo ten que ver coa necesidade de inventariar a maquinaria existente e o seu estado de conservación así como para acreditar o actual uso ou non da mesma. E é que tal e como se recolle na moción, moita dela atópase almacenada desde hai anos sen que prestase servizo máis alá do día da súa presentación, chegando ao absurdo de ter un camión de intervención rápida, valorado en máis de 300.000 euros e que conta con soamente uns 200 quilómetros feitos pois as veces que sae da nave é para acudir a ITV.

No referido ao persoal, no BNG poñen o foco no feito de que a día de hoxe ao número de barrendeiras e barrendeiros, ascende a 36, prestando servizo noutras tantas rutas establecidas e chegando algún deles a ter que abarcar até 10 kilómetros de rúa, algo que evidentemente resulta esaxerado. Os propios traballadores teñen solicitado en máis dunha ocasión dobrar o número de efectivos nas rúas pero non aumentando a plantilla, senón reorganizando internamente o persoal.

Estamos, afirman no BNG, diante dun dos maiores contratos do concello tanto en contía como en duración. Falamos dun dos principais servizos a prestar e que trascende ao Goberno Local de turno polo que a participación de todos os sectores implicados mesmo da veciñanza é importante para acadar o mellor prego posíbel.