A Deputación aproba unha modificación de crédito para atender o aumento da demanda de actividades escénicas, musicais e recreativas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Pleno, reunido esta mañá na sesión ordinaria de xuño, aprobou senllos expedientes de suplemento e transferencia de créditos por importe de 446.000 euros, dos que case o 79 % teñen como destino iniciativas de carácter cultural 

A Corporación provincial deu o visto á modificación do programa de asistencia a municipios para o ciclo hidráulico, no que se amplían as accións a desenvolver en apoio dos concellos, así como un cambio no xeito de regular a contía e forma de pagamento das asignacións que perciben os grupos políticos 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

No apartado de proposicións aprobáronse tres mocións: A defensa da figura dos montes veciñais en man común; unha petición para crear unha unidade de ictus no CHUO -estas dúas por unanimidade-; e outra solicitude para crear en Ourense a segunda facultade de Medicina de Galicia

O Pleno da Deputación de Ourense, reunido esta mañá na sesión ordinaria de xuño baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou unha modificación de créditos por importe de máis de 446.000 euros, dos que case o 79 % teñen como destino o financiamento de actividades culturais e recreativas. O expediente aprobado divídese nun suplemento de crédito de 406.200 euros, con cargo ao financiamento de gastos xerais previstos no remanente de tesourería, e unha transferencia de crédito de 40.000 euros entre distintas partidas do actual orzamento.  

Do total da modificación de créditos, 212.000 euros están destinados ao capítulo de cooperación provincial en actividades culturais e recreativas, entre as que se atopan as Xornadas de Folclore; o ciclo de cine euroárabe  Amal en ruta; o circuíto de cinema de verán; a X Semana Escolar da provincia; as Xornadas de Portas Abertas da Deputación; a ludoteca móbil; o videoclip da canción “Agua Soy” de Teo Cardalda, escrita para conmemorar o bicentenario da Deputación; os campamentos de Ourensanía e o Music Camp de Muíños; a Festa da Palabra; e a participación do grupo Castro Floxo na 17ª Semana Europea de Folclore, que se celebrará do 28 de agosto ao 1 de setembro en Madeira. 

Outros 100.000 euros do suplemento de crédito van destinados ao Plan Tarazana, para o fomento das actividades escénicas e musicais. Tralo fin das restricións impostas pola pandemia rexistrouse nesta convocatoria un elevado número de solicitudes de subvención, ata o punto de que se esgotaron os recursos previstos e tívose que suspender o concurso o pasado 15 de xuño. A citada cantidade ten como obxectivo atender as solicitudes presentadas en tempo e forma ata esa data. 

Reparación da ponte sobre o río Xares, no Bolo 

Os suplementos de crédito deste expediente complétanse con 51.200 euros para as obras de reparación da ponte da Barxa sobre o río Xares, no concello do Bolo. Trátase da anualidade de 2022 que lle corresponde á Deputación, nun proxecto no que tamén participa a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de infraestruturas e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, achegando cada unha delas preto de 77.000 euros. Habilítase ademais un suplemento de 43.000 euros para os servizos de limpeza do Pazo Provincial. 

Polo que respecta á transferencia de créditos entre distintas aplicacións de gasto do orzamento, o expediente recolle o traspaso de 40.000 euros á cooperación cos concellos, tamén no apartado de actividades culturais e recreativas. 

Asignación de grupos políticos e ciclo hidráulico 

No pleno acordouse modificar a base 90 do orzamento da Deputación, que regula a contía e forma de pagamento das asignacións que perciben os grupos políticos representados na Corporación provincial, de tal modo que cando vexan diminuída a súa composición non sufrirán reducións nos medios e asignacións económicas e administrativas que lle corresponderan con anterioridade, axustándose as diferenzas económicas que puideran existir na liquidación de final de mandato. 

Ademais, o pleno deu o visto bo á modificación do programa de asistencia a municipios no servizo do ciclo hidráulico de 2022. Este cambio amplía o seguimento do protocolo dos concellos para autocontrol e xestión do abastecemento de auga para consumo; incorpora dúas campañas anuais de inspección xeral e pormenorizada das redes para evitar fugas e acometidas ilegais; formación continua para o persoal do servizo de augas; e a realización de auditorías dos sistemas municipais de abastecemento. 

Entre os asuntos da orde do día figuraba a aprobación da conta xeral da Deputación de Ourense e os seus organismos asociados, punto que quedou aprazado para a sesión ordinaria de xullo. 

Mocións sobre montes veciñais, unidade de ictus e facultade de Medicina 

No apartado de proposicións, a corporación aprobou tres mocións: A defensa da figura dos montes veciñais en man común; unha petición para crear unha unidade de ictus no CHUO -estas dúas por unanimidade-; e outra solicitude para crear en Ourense a segunda facultade de Medicina de Galicia. 

Na primeira das iniciativas, referida á protección da figura dos montes veciñais en man común, acordouse instar á Xunta de Galicia a reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal, como unha máis das titularidades públicas e privadas. A moción pide tamén un monte veciñal multifuncional e sustentable ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade no seu conxunto, mostrando o apoio á Iniciativa lexislativa popular para e  Lei de Montes Veciñais en Man Común. 

Na segunda das propostas solicítase ao Sergas a creación, con urxencia, dunha unidade de ictus no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), así como a mellora do transporte sanitario urxente para que os pacientes con sospeita de ictus poidan ser atendidos na futura unidade en menos dunha hora, desde calquera punto da provincia. 

En terceiro lugar ínstase á Xunta á creación en Ourense, na contorna do CHUO, da segunda facultade de Medicina de Galicia co fin de incrementar o número de profesionais formados na comunidade galega e, xunto co aumento de prazas MIR, lograr unha mellor planificación e cobertura das necesidades actuais e futuras de persoal. A proposta tamén insta á Deputación de Ourense a defender e participar, mediante colaboración económica ou patrimonial, na creación desta nova facultade.