O equipo da escudería Salnés O Toxo integrado por Diego López e Carlos Miguel Caldas, cun Seat 124 Sport, fíxose acredor do primeiro posto no ‘XVI Rali do Lacón Históricos’, desputado este pasado sábado en estradas dos municipios do Carballiño, Boborás, Carballeda de Avia, Beade, Leiro e Maside, cun total de 150 quilómetros de percorrido. A proba foi organizada pola escudería Arenteiro Clásicos do Carballiño e entre os 60 turismos que competiron destacou como vehículo máis antigo un Mini do ano 1968.
O podio foi completado por dúas parellas da escudería anfitriona: Daniel Crespo e Diego Bello, na segunda posición, cun BMWe21, e José Manuel Mosquera e José Manuel Ferreiro, terceiros, pilotando un Mini 1275 GT.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O programa comezou ao mediodía coas verificacións técnicas, que se levaron a cabo na praza da Veracruz, previas á saída dos vehículos participantes a partir das 15,30 horas, na que José Castro, alcalde eventual e edil de Deportes, foi o encargado de dar os bandeirazos. Os equipos fixeron unha primeira parada nunha adega de Beade e outra no bar das piscinas municipais de Boborás, antes de continuar o seu percorrido ata a meta, xa ben entrada a noite.
A festa dos motores clásicos rematou cunha cea de confraternidade no restaurante A Fuchela, onde tivo lugar a entrega de premios aos primeiros clasificados, un acto que contou coa presenza da concelleira Silvia Baranda e do concelleiro Daniel Caíña, representando aos Concellos do Carballiño e Boborás.
















