Gabriel Alén anima aos propietarios de inmobles deshabitados no centro histórico da cidade de Ourense á súa venda á xunta para rehabilitalos e destinalos a vivendas de promoción

  • O delegado territorial explicou que os propietarios interesados en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 15 de xullo para trasladar as súas ofertas e teñen á súa disposición o teléfono 981 957 965
  • O orzamento do programa Rexurbe na cidade ourensá, onde a Xunta xa é propietaria de 7 inmobles, ascende este ano a 400.000 €

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, percorreu esta mañá distintas rúas do centro histórico de Ourense onde lembrou a oferta pública de 2022 do programa Rexurbe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, destinado á compra de inmobles nesta zona da cidade para que sexan rehabilitados e destinados despois a vivendas de promoción pública.

O delegado territorial animou aos propietarios de inmobles deshabitados a aproveitar este programa e explicou que dispoñen ata o 15 de xullo para trasladar á Xunta as súas propostas, e teñen á súa disposición o teléfono 981 957 965.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén sinalou que a oferta de 2022, ao igual que as anteriores, prevé un reparto para cada concello do investimento total. Non obstante, no caso de non esgotarse o crédito previsto para un determinado municipio e, ao mesmo tempo, o crédito inicial previsto para os demais resultase insuficiente, poderá variarse o importe sinalado. A Xunta reserva, así, 400.000 euros para a cidade de Ourense.

A finalidade é adquirir inmobles que, estando inscritos no Rexistro da propiedade, cumpran cos seguintes requisitos: permitan que as futuras vivendas reúnan as condicións óptimas de confort e habitabilidade; non se atopen afectados por servidumes ou cargas, que poidan facer inviable a actuación; e que os custos de rehabilitación non resulten desproporcionados.

Un dos criterios que se ten en conta para a adquisición dos mesmos é o interese da área na que se atope, dando prioridade aos edificios que teñan un valor arquitectónico especial que aconselle a súa recuperación, aqueles cuxa recuperación poida contribuír de xeito especial á rexeneración ambiental da zona onde estea emprazado e ás ofertas que contemplen a recuperación dunha mazá completa.

Balance do Programa Rexurbe

O Goberno galego puxo en marcha en 2017 o programa Rexurbe. Na actualidade, xa ten comprometidos máis de 31,5 millóns de euros na adquisición e rehabilitación de 85 inmobles emprazados nos centros históricos de toda Galicia, cos que prevé obter arredor de 150 vivendas de promoción pública.

Cómpre lembrar que a convocatoria de 2022 non é a primeira na que se inclúe Ourense, pois xa se adquiriron 4 inmobles: os localizados na rúa Profesor Manuel Sueiro, 3; o inmoble localizado na esquina con rúa Liberdade, 28; e o da rúa Pelaio, 9 -para os que o IGVS ten en redacción o proxecto de rehabilitación, coa previsión de contar cos mesmos este verán- permitirán habilitar 8 vivendas; aos que se sumarán as que resulten da recuperación do edificio Cervantes, 29.

Anteriormente, na rúa Vilar se recuperaran os inmobles emprazados nos números 1, 3 e 5, onde se dispuxeron 5 fogares para 5 familias, tras o investimento de máis de 850.000 euros.

En total, a Xunta reserva un orzamento de 2,4 millóns de euros cos que prevé habilitar 14 vivendas públicas tras a recuperación dos 7 inmobles mencionados dos que é propietaria; aos que se sumarán os que se poidan adquirir no marco da oferta Rexurbe de 2022.

Por último, o delegado territorial tamén animou ao Concello a solicitar a declaración dunha área Rexurbe na zona que percorreu hoxe, de xeito que se sume ás seis xa declaradas en Galicia.