A tenda OZOCOgz xa ten ‘Vacaloura’, o xogo con máis de 2.000 preguntas en galego

O xogo está dispoñíbel a través da súa páxina web, e na súa tenda física do Carballiño. OZOCOgz, un proxecto de deseño galego e en galego, vende camisetas, libros, música, materiais de papelaría e, desde 2018,deseña, fabrica e vende tamén xogos.

Foto Nós Diario

Parte da entevista feita a Eladino por Mar Álvarez no xornal Nós Diario:

AVANTAR ACTIVIDADES

Eladino Cabanelas, deseñador e creador de OZOCOgz indica que Vacaloura é un xogo de preguntas cun formato similar ao do Trivial, pero centrado en cuestións lingüísticas do galego. “Hai que ir contestando unha serie de preguntas até chegar ao centro do taboleiro para gañar”. A proposta conta con 500 tarxetas que recollen un total de 2.000 preguntas e arredor de 6.000 palabras diferentes sobre léxico galego. Cabanelas sostén que “pensamos moito sobre como enfocar o xogo para que non resultase moi técnico ou aburrido”, polo que “as preguntas tratan de ser o máis divertidas posíbeis”. 

INSTRUCIÓNS DO XOGO: Premer na Imaxe:

O nome do xogo tamén ten que ver coa promoción do idioma, finalidade principal deste, pois “as vacalouras son uns animaliños que, ademais de seren moi simpáticos, teñen un nome que non se entende fóra da Galiza” e, ademais “están en perigo de extinción, como tamén o está, por desgraza, a nosa lingua”

Por todo isto, o xogo presenta dous obxectivos claros. Por unha parte, “a normalización do idioma, que debe pasar polo tempo de lecer, e o xogo é algo fundamental”; e por outra “a mellora da lingua”. Segundo explica Cabanelas, “cremos que é un xogo que pode funcionar moi ben nos niveis educativos de Infantil, Primaria, ESO ou mesmo Bacharelato” así como “nas escolas oficiais de idiomas e, por suposto, nas casas”. 

Este tipo de iniciativas resultan fundamentais á hora de dinamizar o galego, sostén. “Por sorte vexo que cada vez hai máis empresas que están a apostar polo idioma desde ámbitos moi diferentes” e resulta “necesario que a normalización da nosa lingua pase por todos os eidos”. Conclúe o creador de Vacaloura, que “esa normalización debe ser cousa nosa, pois somos nós quen debemos apostar por produtos galegos”.

Foto Santi Amil Voz de Galicia