A Xunta aproba provisionalmente o proxecto de mellora da estrada ou-212 no treito interurbano do concello de Beariz e na travesía de Liñares, en Avión

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO


― A actuación suporá un investimento autonómico de máis de 1,3 M€
― Trátase dunha 1ª fase de acondicionamento do tramo de algo máis de 6 quilómetros
desta vía autonómica que resta por optimizar, entre o centro urbano de Beariz e o
desvío ao núcleo de Couso
― No treito interurbano de Beariz ampliarase a plataforma da vía ata os 7 metros
entre a capitalidade do concello e o quilómetro 7+350, punto en que se aumentará o
raio da curva de 30 a 50 metros
― No municipio de Avión humanizarase a travesía de Liñares, coa renovación das
beirarrúas para unha maior accesibilidade, xunto co firme da calzada
― O proxecto inclúe, ademais, a renovación da capa de rodada en dous tramos da OU212 en Avión para dar homoxeneidade á actuación


― A Xunta someterá o proxecto a información pública, con efectos expropiatorios, co
obxectivo de poder licitar as obras a comezos de 2025
― O Goberno galego traballa para darlles continuidade ás sucesivas melloras desta vía
autonómica, que une a N-541 na Ermida coa OU-504 en Beade, e que é o principal
acceso ás capitalidades dos concellos de Avión, en que leva investidos 6,8 M€
O Consello da Xunta deulle hoxe o visto e prace á aprobación provisional do proxecto
de mellora da estrada autonómica OU-212, no seu percorrido polo treito interurbano
do concello de Beariz, e na travesía de Liñares, no municipio de Avión.
Esta actuación conta cun investimento do Goberno galego estimado en máis de 1,3 M€
e correspóndese coa 1ª fase de acondicionamento do tramo de algo máis de 6
quilómetros desta vía autonómica, entre o centro urbano de Beariz, á altura do punto
quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo de Couso, no quilómetro 12+620. No seu
conxunto, a actuación suporá un investimento total de 3,85 M€.
Nesta 1ª fase de acondicionamento, as obras de mellora da estrada no treito
interurbano de Beariz consistirán na rectificación da curva do quilómetro 7+350,
aumentando o raio de 30 a 50 metros, e na mellora do firme e ampliación da
plataforma ata os 7 metros entre a capitalidade do concello e a curva do quilómetro
7+350. Neste tramo, actualmente a OU-212 é unha estrada convencional sen beiravía,
con dous carrís por sentido de 3 metros de anchura cada un, nun contorno interurbano.
A actuación no treito da vía ao paso polo municipio de Avión céntrase na travesía de
Liñares, que vai do quilómetro 8+760 ao 9+610, e será humanizada. Neste treito
manterase, en xeral, a distribución da sección actual, pero buscando como obxectivo
básico a integración da vía no contorno urbano de Liñares, recuperando a súa
identidade urbana e priorizando a figura do peón.



En toda a lonxitude da travesía construiranse beirarrúas e bandas de aparcamento a un
mesmo nivel, cun cambio no acabado do pavimento e separación por bordo de 10
centímetros de anchura. Este deseño facilita que toda esta superficie poida ser
utilizada polos peóns, tamén as bandas de aparcadoiro cando estas non estean
ocupadas por vehículos.
Ademais, o bordo que separará estas zonas da beirarrúa e o aparcadoiro da calzada
elévase unicamente 2 centímetros sobre a rodada, continuando así coa percepción dun
espazo onde o peón cobra maior importancia.
En dúas zonas concretas, do quilómetro 8+925 ao 8+950 e do 9+200 ao 9+255,
unifícase o pavimento de toda a sección, creando unha plataforma compartida con
prioridade peonil ante a escasa anchura das beirarrúas actuais.
A actuación incluirá outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos
accesos existentes á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de
protección peonil, así como a reposición de servizos afectados e a renovación da
sinalización, adecuándoa ao novo deseño da vía.
Tamén, froito das reunións mantidas cos responsables dos concellos durante a
planificación e redacción do proxecto, se inclúe nesta intervención a renovación da
capa de rodada de dous tramos da OU-212, para dar homoxeneidade á actuación, entre
os puntos quilométricos 10 e 11 e entre os quilómetros 15 e 15+500, dentro do termo
municipal de Avión.
Agora, tras o acordo hoxe do Executivo autonómico, nas vindeiras semanas someterase
ao trámite de información pública o proxecto, por un prazo dun mes.
Este é un trámite necesario para que os interesados poidan presentar suxestións, e
tamén para os efectos expropiatorios, xa que coa intervención se afectan 20 predios
particulares cunha superficie de 3.493 m2
.
A previsión da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é poder
aprobar o proxecto no outono, para a finais de ano realizar a convocatoria de
levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras no
primeiro trimestre de 2025. O prazo para a realización dos traballos é de 14 meses.
O Goberno galego continúa traballando para darlles continuidade ás sucesivas
melloras levadas a cabo nos últimos anos nesta vía autonómica, que une a N-541 na
Ermida coa OU-504 en Beade, e que é o principal acceso ás capitalidades dos concellos
de Avión, melloras en que a Xunta leva investido un total de 6,8 M€.