O BNG de Barbadás pide aumentar o número de prazas do servizo “bos días cole”

Segundo a formación nacionalista, no ano 2019 as prazas ofertadas nos CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro ascenderon a 278 namentres que para o presente curso o número baixa até as 120

O Grupo municipal do BNG no Concello de Barbadás ven de solicitarlle ao Goberno Local o aumento das prazas previstas para o presente curso 22-23 no servizo “bos días cole” cuio obxectivo é facilitar a conciliación das familias coa apertura dos centros para que aquelas nais e pais que non teñan outra posibilidade poidan deixar as súas crianzas nos colexios antes de entrar a traballar.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde o BNG de Barbadás lembran, tal e como afirma o portavoz no concello Sarín Núñez, que “estamos diante dun servizo moi demandado pola veciñanza e que no ano 2019, previo á pandemia, contou con arredor de 278 prazas entre os centros Filomena Dato e O Ruxidoiro”.

Segundo Núñez, “no CEIP Filomena Dato a quenda de mañá contaba con 93 usuarias e a de tarde con 40 chegando a ter unha listaxe de agarda de 16 solicitudes namentres que no CEIP O Ruxidoiro, pola mañá contábase con 98 usuarias e pola tarde con 47”.

Para os nacionalistas, o número de prazas que se ofertan para o presente curso, 60 por centro educativo, é claramente insuficiente. Para Sarín Núñez, “dado que xa non existen as limitacións relativas á COVID-19, entendemos que para o curso 2022-23 haberá as mesmas necesidades ou incluso máis que antes da pandemia polo que auguramos que as solicitudes que se presenten van ser moi similares en número a 2019”.

Por todo o exposto con anterioridade é polo que desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Bárbadás solicitan que se oferten nos dous centros educativos, CEIP Filomena Dato e CEIP O Ruxidoiro, o número de prazas suficientes para cubrir a demanda do servizo “Bos Días Cole” tanto na quenda de mañá como na de tarde, ao ser un servizo moi demandado e fundamental para a veciñanza