O Campo de Voluntariado Cultural e Teatral de Ribadavia “Viaxe pola Istoria” botou a andar o pasado sábado 1 de agosto e estenderase ata o vindeiro 12 de agosto. Esta iniciativa está financiada pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e organizada pola empresa Sustínea en directa colaboración coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ribadavia.
Como grande novidade desta edición, o campo adquire por primeira vez carácter internacional, contando coa participación de mozos e mozas chegados non só de diferentes puntos de España, senón tamén doutros países. Todos eles colaboran estes días na preparación da Festa da Istoria (declarada de Interese Turístico Nacional), recuperando oficios tradicionais, poñendo en valor o patrimonio local e promovendo a convivencia intercultural.
Co obxectivo de darlles a benvida institucional, a Casa do Concello de Ribadavia acollerá mañá martes a recepción oficial dos voluntarias e voluntarios, nun acto que contará coa presenza do alcalde e da Corporación Municipal.
Outra das novidades deste ano é a apertura de actividades ao conxunto da cidadanía para compartir a experiencia do campo coa poboación local:
- Xogo de Rol en Vivo: “Ribadavia, 1487: O Escudo Borrado”
- Data e hora: Xoves, 8 de agosto ás 19:00 h (duración de 2,5 a 3 horas).
- Detalles: Unha experiencia de aventura e investigación ambientada no século XV na que a veciñanza e o voluntariado resolverán os enigmas do Condado de Ribadavia asumindo diferentes faccións da época. Recoméndase acudir con vestimenta inspirada no século XV. A inscrición inclúe unha fianza de 5 € por persoa que se devolverá integramente o día do xogo.
- Cine na Rúa e Activismo Rural
- Data e hora: Sábado, 10 de agosto ás 17:00 h.
- Lugar: Casa da Cultura de Ribadavia.
- Detalles: En colaboración con Solidariedade Internacional Galicia, proxectaranse diversas curtametraxes de carácter social que servirán como punto de partida para debater sobre o activismo no medio rural e os retos globais actuais.
Para participar no xogo de rol ou na sesión de cine social, as persoas interesadas poden inscribirse ou solicitar máis información escribindo ao correo electrónico omix.ribadavia@gmail.com ou a través da conta de Instagram (@omixribadavia).

















