Formoso comprende que Alfonso Rueda se declare “asustado” pola nefasta herdanza política que vai recibir como presidente da Xunta

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O líder dos socialistas galegos subliña que o PSdeG fiscalizará a acción do próximo goberno, pero tamén tende a man ao acordo “nos asuntos de país claves e estratéxicos” para sortear este momento de gran dificultade económica e social

Formoso participou hoxe en ConMemora, o primeiro acto provincial de Memoria Histórica dos socialistas de Ourense

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Peroxa, 24 de abril de 2022. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, dixo hoxe comprender que Alfonso Rueda se considere “asustado” ante as súas próximas responsabilidades como presidente da Xunta de Galicia, “tendo en conta a nefasta herdanza que vai recibir e da que el é copartícipe”.

“Entendo que se  declare asustado”, afirmou, “xa que nace co estigma de non ser escollido polos galegos e as galegas como presidente, senón polo clan dos Baltar e tres máis nunha mesa camilla”.

Ademais, como mostra desa herdanza, Valentín González Formoso lembrou que Alfonso Rueda asumirá o goberno dun país no que “vive moita menos xente e no que emigran máis mozos e mozas que cando eles chegaron ao goberno”.

O balance destes 13 anos, remarcou, tamén deixa “138 colexios menos abertos” ou un servizo de atención primaria “nefasto e practicamente reducido a un número de atención telefónica”, así como “un país moito máis endebedado e con máis paro que cando eles chegaron ao goberno”.

Fronte a esta situación, Valentín González Formoso sinalou que o PSdeG vai fiscalizar  a acción de goberno do próximo presidente da Xunta, pero “tamén tende a man nos asuntos de país que son claves e claramente imprescindibles e estratéxicos neste momento tan duro para a socio-economía de Galicia”.

Formoso realizou estas declaracións na Peroxa, onde esta mañá o PSdeG celebrou ConMemora, a primeira xuntanza provincial dos socialista de Ourense. O acto provincial de memoria histórica dos socialistas ourensáns coincide coa data da voda dos pais de Pablo Iglesias, ambos os dous nados na Peroxa.

O secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafa Villarino, explicou que o encontro ten como obxectivo poñer de relevo os valores do partido socialista e proxectar un partido que “é a solución e a alternativa para esta provincia cando xa estamos en camiño cara as municipais”.