O ciclo ‘Feito no Carballiño’ aposta polos artistas locais con seis propostas musicais do 3 de xullo ao 15 de agosto

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Cultura, aposta un verán máis pola música local e pón en marcha a sétima edición do ciclo ‘Feito no Carballiño’. A programación, que arranca este venres, 3 de xullo, e remata o 15 de agosto, inclúe seis propostas musicais de distintos estilos, desde jazz a rumba, ska ou pop-rock.

“Para os artistas é unha oportunidade perfecta para tocar na casa e amosar o seu gran talento”, resalta Diego Fernández, concelleiro de Cultura, quen destaca a importancia de apostar polos músicos e músicas locais. “Este ciclo dá conta da calidade dos nosos artistas e bandas, moitos deles formáronse aquí, no Conservatorio, e seguen formándose e crecendo”, engade.

O concelleiro anima á poboación, así como aos visitantes, a achegarse aos concertos e descubrir o talento dos artistas locais. “Hai propostas musicais para todos os gustos, é unha programación moi variada”, apunta Fernández.

O dúo Elos-Marta&Sérgio Tanus dará inicio ao ciclo este mesmo venres, día 3, na rúa Perfectino Viéitez, coa súa proposta única que mistura as raíces galegas coas brasileiras. A actuación comezará ás 20,30 horas. Ao día seguinte, sábado 4 de xullo, será o cantautor Mino quen se suba enriba do escenario co seu repertorio de pop-rock. Neste caso, o concerto será na Praza Maior ás 20,30 horas.

A programación continúa o sábado 18 de xullo, ás 20,30 horas, coas actuacións de Cervan e de Sueños de Ítaca na Praza Maior, que mesturan pop-rock, folk e indie. O venres 14 de agosto será a quenda de Susi Q’s, que farán bailar ao público coa súa proposta de rock and roll. O concerto será ás 20,30 horas na Praza da Veracruz.

O grupo Skadelos será o encargado de pechar a programación o sábado 15 de agosto ás 20,30 horas na Praza da Veracruz con notas de ska, rumba e pop-rock.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------