Representantes da Cig “ocupan” a sede do Bispado para denunciar a situación do asilo do Carballiño

A CIG denuncia que varias traballadoras pediron a baixa por incapacidade temporal ao presentaren “cadros severos de ansiedade”, que ve como consecuencia directa do “trato que reciben a diario” por parte da xerencia deste centro de maiores.

Representantes comarcais da CIG de Ourense ocuparon na mañá a sede do Bispado de Ourense de forma simbólica, co obxectivo de exixir o “cesamento do acoso laboral” e dos despedimentos na residencia de maiores xestionada pola Fundación Hermanos Prieto no Carballiño.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta acción reivindicativa principiou contra as 10.30 horas e, unha vez dentro do edificio, oito activistas accederon ao primeiro andar, onde urxiron unha reunión co bispo e despregaron unha faixa na que se podía ler ‘Bispado, non mires para outro lado’.

Anxo Pérez Carballo, secretario comarcal da CIG, subliñou que con esta ocupación simbólica procurábase “manter unha reunión co bispo como empresario, xa que é o presidente do padroado da Fundación que xestiona o asilo”. Porén, a delegación foi recibida polo vicario xeral, a quen lle trasladaron que as protestas se “intensificarán” se nun prazo de 48 horas non se confirma a convocatoria dunha xuntanza co bispo

Desde a CIG fan fincapé na “política represiva e implacábel” e no “acoso laboral” que, aseguran, “a nova xerencia do centro está a levar a cabo contra as empregadas máis antigas, chegando a despedir varias delas polo feito de reclamaren os seus dereitos”, ao tempo que exixe a readmisión das traballadoras despedidas.

“Acusamos a dirección de menosprezos e coaccións ás empregadas, e reclamámoslle que cese nesta práctica e que non ameace, nin coaccione, nin despida polo feito de defender os dereitos”, advertiron desde a central sindical, ao tempo que subliñaron que as coaccións ao persoal “deberían de estar abolidas en pleno século XXI”

A CIG responsabliza a institución relixiosa do que está a acontecer nesta residencia do Carballiño, así como ao propio Concello por “permitir esta situación e abrir así o camiño ao despido das traballadoras con maior antigüidade, contribuíndo a transformar o vello asilo nunha empresa que só busca o beneficio económico”.

Salientan, aliás, que por mor da “actitude da xerencia” hoxe hai “máis de seis traballadoras de baixa por incapacidade temporal”, con “cadros severos de ansiedade” que ven como consecuencia directa do “trato que reciben a diario”.