Patricia Torres participa en Lugo na entrega dos VI Premios María Luz Morales de Ensaio e Videoensaio audiovisual

O certame, organizado pola Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións de Galicia, premiou o traballo de cinco profesionais para promover a excelencia na investigación científica no sector

A deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais subliñou a alianza que manteñen a Deputación de Ourense e maila academia galega, “tanto para o Festival Internacional de Cine como na elección da cidade para a acoller, en 2023, a entrega dos premios Mestre Mateo”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense será a sede do acto de entrega dos galardóns na edición de 2023 

A deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, participou este mediodía en Lugo na entrega dos VI Premios María Luz Morales de Ensaio e Videoensaio, certame organizado pola Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións de Galicia para promover a excelencia na investigación científica neste ámbito.

No Pazo de San Marcos, sede da Deputación luguesa onde se celebrou o acto, Patricia Torres felicitou aos cinco premiados nun certame que “pon de manifesto as positivas sinerxías que xorden da colaboración entre a academia e as catro deputacións galegas para dar pulo ao noso audiovisual”. Nesta liña, a deputada lembrou a alianza que manteñen a Deputación de Ourense e maila academia galega, “tanto para o Festival Internacional de Cine como na elección da cidade para a acoller, en 2023, a entrega dos premios Mestre Mateo”. Torres puxo tamén en valor “a decidida aposta que o goberno provincial vén de facer hai anos polo audiovisual ofrecendo ás produtoras as localizacións ideais no noso territorio para as súas rodaxes”.

Ourense recolle a testemuña dos Premios María Luz Morales, pois na edición de 2023 será a sede do acto de entrega destes galardóns, que contan cunha dotación económica de 1.200 euros e inclúen unha escultura conmemorativa. Desde a primeira edición, celebrada en 2017, estas distincións teñen como finalidade fomentar e recoñecer a investigación no campo audiovisual tanto desde a perspectiva galega como universal. O nome dos premios honran ademais a María Luz Morales Godoy (A Coruña, 1889-Barcelona, 1980), unha muller pioneira en España por ser a primeira directora dun xornal a nivel nacional (La Vanguardia 1936-1937) e polo seu labor como crítica cinematográfica.

Os profesionais distinguidos este ano foron Manuel Barreiro, gañador na categoría de mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego; Severiano Casalderrey, como mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional; Eire Cid, en videoensaio sobre audiovisual internacional, ademais dun accésit nesta mesma categoría para Antón Varela; e Lara Bacelo en videoensaio sobre audiovisual galego.