Redacción: Marta Castro Soto
Na tarde de onte, mércores, ás 20:30, O Carballiño contaba coa visita do ribeirense Carlos Callón. Firme defensor da lingua galega, presentou a súa última obra “ O libro negro da Lingua Galega” na compaña de Eladino Cabanelas, que lle agasallou o espazo de OZOCOgz e unhas palabras de admiración e afecto.
Valentes reunidos en OZOCOgz
Ao comezo da presentación, agradecía aos alí presentes, que pouco a pouco se ían achegando, a súa valentía para saír da casa co calor abafante que corría. Aproveitaba para consideralos valentes tamén por ter interese no que ía contar. Ao seu carón, Eladino Cabanelas, contextualizou o nacemento da súa obra e reivindicou o seguimento da loita polo galego. El foi un dos responsables na Mesa na área Carballiño – Ribeiro e xunto co autor comparte o afán de dignificar a nosa lingua. OZOCOgz convértese nun espazo cultural onde intercambiar creación e opinión no entorno do Carballiño e a presenza de escritores como Carlos Callón ou Fernando Fernández Rego (o pasado mes de xuño) enriquecen a vila.
Negro pasado. Esperanzador futuro?
Carlos Callón non pretendía que o negro fose un símbolo de dramatismo, senón que deixou claro que simplemente quería contribuír nunha tarefa de compilación que xa fora inquedanza de moitos anteriores. Durante a súa exposición narrou catro historias referenciadas no seu libro. Os temas nos que fai fincapé: algúns dos castigos que recibían os nenos por falar galego durante os anos 60, as políticas castelanizantes que xa veñen da man dos Reis Católicos e como a diminución de falantes da lingua ten unhas causas que debemos recordar. Tamén aludiu ao fenómeno das Tanxugueiras para amosar un exemplo recente de como o galego mobiliza á poboación: ” Aínda que moitos non falen galego, senten que é algo seu e deféndeno”.
Ao finalizar a intervención, Carlos Callón contestou algunhas preguntas. Como estudoso, cre que é importante ampliar a mirada cara a situación doutras linguas e aplicar políticas de ensinanza e de difusión (canles en galego para a xuventude, xornais en galego, plataformas de streaming en galego, cinema en galego…) no panorama actual.
Escritor e amante do galego
Carlos Callón, presidente de honra d’A Mesa pola Normalización Lingüística e licenciado en filoloxías galega, portuguesa e románica pola Universidade de Santiago de Compostela, ten tamén na traxectoria no ámbito da docencia.
A súa obra “O libro negro da lingua galega” atópase agora mesmo en 38 librarías. Cunha traxectoria de escritor que o avala, Carlos Callón é autor de “A abertura da boca” ou “Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez” entre moitos outros. Durante esta tempada está a realizar actividades para promocionar o seu último libro e a defensa da lingua galega. Este sábado participará nun roteiro organizado en Pontevedra.