A Xunta aproba na provincia de Ourense 10 polos creativos e 5 pistas multideporte que estrearán centros educativos o vindeiro curso

  • O delegado territorial de Ourense, Gabriel Alén, explica que son dúas iniciativas novidosas postas en marcha ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
  • A Administración galega achegará preto de 300.000 euros para construír pistas multideporte en colexios e institutos repartidos por toda a provincia
  • A primeira fase de implantación dos polos creativos chegará a dez centros da provincia

Ourense, 22 de xullo de 2022.- A Xunta de Galicia aprobou a implantación de 10 polos creativos e a execución de 5 pistas multideporte que estrearán o vindeiro curso escolar colexios e institutos repartidos por toda a provincia de Ourense.

O delegado territorial, Gabriel Alén, explica que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades elevou onte ao Consello da Xunta un informe de ambas actuacións, dúas iniciativas novidosas que se poñen en marcha ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e supoñen un investimento conxunto de case 6M€ para conxunto da Comunidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

No caso das pistas multideporte, na provincia de Ourense 5 concellos  reciben achegas por case 300.000 euros para a dotación e mellora destas instalacións en centros educativos dos seus respectivos termos municipais.

Así, ao abeiro desta convocatoria de axudas, contarán con estas instalacións  o CEIP Manuel Bermúdez Couso na Pobra de Trives; CEIP Castrelo de Miño; CEIP Otero Novas ( Cortegada); CEIP Manzaneda; CEIP Valle Inclán en Muíños.

É a primeira acción deste tipo que se pon en marcha en Galicia e a Xunta financia ata o 85% do custo destas infraestruturas lúdico-deportivas nos centros escolares que son de uso conxunto entre a comunidade educativa e a cidadanía.

As axudas van destinadas a pistas multideporte en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios (CPI) de titularidade municipal, cuxo deseño debe ser conforme aos modelos establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. O obxectivo é promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica dun mínimo de cinco deportes nun espazo polifuncional.

Polos creativos

No caso dos polos creativos, o obxectivo principal é consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público. A primeira fase de implantación chegará este setembro a un total de 138 centros educativos galegos cun investimento que supera os 4M€.

No que atinxe á provincia de Ourense, promoveranse en 10 colexios e institutos de 8 concellos: 2 en  Verín-O CEIP Plurilingüe Amaro Refojo e o IES Xesús Taboada Chivite-; 2 no Carballiño – O CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e o IES Manuel Chamoso Lamas-; e tamén no CEIP Augusto Assía na Mezquita; no IES Cosme López Rodríguez na Rúa; no CEIP Plurilingüe de Maceda; no CEIP Ramón Otero Pedrayo do Barco de Valdeorras; no CPI Plurilingüe José García García de Ourense e no CEIP Plurilingüe Ribadavia.

Os polos creativos son lugares de innovación educativa nos que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Terán un deseño modular e innovador acorde co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotados de equipamento especializado e organizados didacticamente para o fomento da creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo. Isto é, centros de actividades nos que se abordarán aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.