É necesario abrir un debate en todo o mundo sindical pola urxencia da situación
Causa Obreira, corrente sindical da CIG, realizou hoxe unha valoración da crítica
situación pola que pasamos a Clase Traballadora, e diante do empobrecimento
xeralizado do conxunto da poboación, alza de prezos e parálise da economía,
entende que é obrigatorio iniciar un debate no mundo sindical que desenboque na
convocatoria dunha folga xeral para frear a carestía da vida.
Para esta corrente sindical da CIG, que conta con dous membros na Executiva
Confederal da CIG, así como unha importante presenza nas comarcas de Ourense,
Compostela, A Coruña e Ferrol, e nas federacións de Servizos e Administración, non
pode voltar a pasar o que aconteceu na anterior crise económica, e que rematou nas
protestas do 15-M, nas cales o mundo sindical estivo desaparecido.
“As organizacións sindicais, pola súa dimensión e representación na Clase
Traballadora, debemos ser as que iniciemos as loitas na nosa defensa, e en situacións
excepcionais como a actual correspóndenos levar a iniciativa para frear o
empobrecemento colectivo, a desesperanza e a pobreza extrema”, apuntan.
“Non estamos na actualidade diante dun problema máis. A crise enerxética, que non
se corresponde con nengunha guerra, senón co esgotamento das reservas mundiais,
está a provocar un encarecimento dos bens de consumo básicos non visto desde hai
máis de tres décadas. A repercusión de prezos afecta xa a todas as actividades
económicas, con alzas mesmo do 80% en sectores básicos como a construcción. Pero
non se queda só aí. Os traballadores e traballadoras do campo teñen que facer frente
a uns gastos de explotación que inviabilizan os seus cultivos e gandeiría, os
mariñeiros e mariñeiras teñen que deixar de traballar por non poder pagar o
combustible dos barcos, e así se reproducen estes problemas en todos os sectores.”
“A máis que previsible resposta dos gobernos diante desta situación vai ser a de subir
os tipos de interese do diñeiro, que se vai corresponder automáticamente coa suba
das hipotecas. Xa non é que a xente non vaia ter calefacción neste inverno, é que
moitos e moitas imos quedar sen casa, xa que a alza de prezos e das hipotecas vainos
levar a non poder afrontar os pagos, e unha nova onda de desafiuzamentos voltará
outra vez.”
“E namentres, as clases traballadoras temos os nosos salarios conxelados, ou con
subas mínimas en comparacións cos nosos gastos básicos habituais. O salario non
chega, cando pago o triple de luz, o doble polo combustible que gasto en ir traballar
e polos alimentos básicos que levar a casa. Este outono vai ser un dos máis regresivos
que lembremos na nosa historia, e o empobrecemento xeral vai ser maioritario na
sociedade, porque quenes estamos nesta situación seguimos a ser maioría social.”
“O máis escandaloso da situación é comprobar como ao mesmo tempo as grandes
empresas incrementan de forma exponencial os seus beneficios, e sen nengún pudor
publican incrementos indecentes sen que os poderes públicos interveñan. Nunca tan
claramente se comprobaron as diferencias de clase”.
Para esta corrente sindical da CIG, sería terrible que por segunda vez en apenas unha
década, fora a sociedade quen se tivera que autoorganizar diante da falta de acción
das organizacións sindicais. Non pode voltar a pasar como no 15-M, porque daquela
as organizacións sindicais perderían toda credibilidade.
“É necesario que se abra un debate non só no noso sindicato, a CIG, de quen
confiamos na súa receptividade, senón no resto de organizacións sindicais do estado
español e europeo. Non é un problema galego ou español, é un problema de ámbito
europeo, que é quen ten a maior parte de responsabilidade ao fixar as normas
monetarias e económicas. Porque este é un problema de sistema, e a resposta ten
que ser cambiando reglas de xogo, e permitindo por exemplo a intervención do
estado na economía, limitando prezos de bens básicos e limitando os beneficios
empresariais esaxerados. Só así se pode variar a actual situación e non cair no
empobrecemento xeral.”
Desde Causa Obreira anúnciase unha campaña de actuación para abrir este debate
nas organizacións sindicais, e mesmo poder chegar a unha folga europea onde as
clases traballadoras do continente lle digan así non aos actuais dirixentes. Temos que
parar o noso camiño á pobreza!!