Paula Prado: “O PPdeG está chamado a ofrecer os mellores gobernos posibles e a responder aos problemas e necesidades de 2,7 millóns de galegos, vivan onde vivan”

A secretaria xeral interveu no Congreso do PP de Ourense, onde Manuel Cabezas foi proclamado presidente local cun 95,80% de apoio

  • Di que os populares preséntanse cun programa para executar e aspiran a obter unha maioría suficiente e ampla para demostralo: “Queremos que os 313 concellos tamén sexan baluartes de estabilidade e xestión para este novo tempo desafiante”
  • Afirma que “non hai mellor persoa que Manuel Cabezas para recuperar o orgullo de ser ourensán” e indica que a cidade espera encontrarse desde mañá a un partido “máis preparado, máis forte e máis capaz de ofrecerlle un gran goberno”

A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, asegurou que o PPdeG está chamado a ofrecer os mellores gobernos posibles para os cidadáns porque “nacemos, crecemos e aspiramos a responder aos problemas e necesidades de 2,7 millóns de galegos, vivan onde vivan”. “Queremos que os 313 concellos tamén sexan baluartes de estabilidade e xestión para este novo tempo desafiante”, engadiu.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Nós somos un partido de goberno, presentámonos cun programa para executar, e aspiramos a obter unha maioría suficiente e ampla para demostralo”, insistiu durante a clausura do Congreso local do PP de Ourense, no que Manuel Cabezas foi proclamado presidente co 95,80% dos votos e no que tamén participou o presidente provincial, Manuel Baltar.

Prado puxo en valor o modelo de unidade, xestión e sentidiño aplicado polos populares na Comunidade, ao que os galegos lévanlle outorgando a súa “confianza absoluta” dende hai 13 anos e que se pode exportar a outras realidades. Por este motivo, afirmou que o partido traballará para que dentro dun ano “ese único proxecto se poña a disposición dos 313 concellos do país”, aos que cualificou como omellor expoñente da política próxima.

ORGULLO DE SER OURENSÁN

No seu discurso, a secretaria xeral admitiu que non hai mellor persoa que Manuel Cabezas “para recuperar o orgullo de ser ourensán”, lembrando que doce anos de Alcaldía só poden significar unha cousa: “Ti es o primeiro que está orgulloso de esta cidade, e estou segura de que por ese mesmo motivo queres que recupere a luz, a ilusión e o sentidiño da cidade que merece ser”.

Sobre isto, explicou que este orgullo só o pode recuperar o PP dun xeito: “Gañando e facéndoo cunha ampla maioría”. Así mesmo, recordou que os congresos “non son o final de nada, senón o principio de todo”, polo que, desde mañá, “os ourensáns esperan encontrarse a un Partido Popular máis preparado, máis forte e máis capaz de ofrecerlles un gran goberno”.

Igualmente, quixo recoñecer o labor realizado polo Grupo Municipal do PP no Concello de Ourense, sete concelleiros e concelleiras “que puxeron os intereses da cidade por riba de calquera outro interese”. Ademais, salientou a valentía da portavoz municipal, Flora Moure, que deu un paso adiante aceptando presidir a xestora local. Por último, Paula Prado tampouco esqueceu o sufrimento da provincia de Ourense provocado polos incendios forestais dos últimos días e, tras agradecer o traballo dos profesionais e voluntarios que están loitando contra o lume, sinalou que neste tipo de momentos “somos todos, máis alá de cores e de siglas, os que temos que aportar, e nunca restar, para que a situación sexa o menos traumática posible”.