Luís Seara: “imos a por todas, saímos con toda a forza para darlle a Ourense o cambio que o noso concello precisa”

IES CHAMOSO LAMAS

No BNG destacan que “levamos tempo traballando arreo, como formiguiñas, para poder presentarlle á veciñanza un proxecto sólido e solvente, que saque ao concello desta situación e permita abrir un tempo novo”

Ao pé da fonte das Burgas compareceu esta mañá Luís Seara, portavoz municipal e candidato á alcaldía polo BNG, fixoo acompañado da concelleira Rhut Reza e por membros da formación nacionalista para dar conta do lema e da identidade coa que iniciarán a partires de setembro o curso político e de cara ás eleccións municipais de maio de 2023.

SPORTUR GALICIA 2022

Luís Seara comezou a súa intervención advertindo que, “mentres outros se adican a enredar a madexa con mocións de censura que o único que fan é xerar falsas expectativas e confundir, outros levamos tempo traballando arreo, como formiguiñas, para poder presentarlle á veciñanza un proxecto sólido e solvente, que saque ao concello desta situación e permita abrir un tempo novo”.

Hai poucas datas, O BNG presentaba públicamente ao propio Luís Seara como a persoa que encabezará a lista nacionalista de cara ás eleccións municipais previstas para maio de 2023, sendo ademais a primeira organización en facelo. Hoxe deron un novo paso e presentaron a identidade visual e o lema de precampaña, sendo tamén os primeiros en facelo.

Segundo Seara, “facémolo centrando a mensaxe nunha idea clara, que será a nosa bandeira, Ourense non merece máis desleixo, máis incompetencia e por iso queremos devolverlle á cidade o orgullo que Jácome e Baltar lle roubaron nestes anos de disparates e vergoña allea por parte do Goberno municipal”.

O lema escollido polo BNG é “OURENSE, CON ORGULLO!”, e unha identidade visual, que o resume graficamente, o OU ! do concello e o signo de admiración no seu remate.

Nos motivos de porqué do signo de admiración, Luís Seara aclarou que é debido a tres motivos, “admiración porque para nós Ourense é potencia e capacidade. Admiración porque temos confianza e orgullo de ser de Ourense e admiración porque fai falta forza e determinación para poñer en marcha Ourense e devolver ao noso concello onde merece estar”.

“Con este OU! queremos lanzar tamén unha mensaxe, imos a por todas, saímos con toda a forza para darlle a Ourense o cambio que o noso concello necesita, e somos optimistas por varios motivos”.

Entre as razóns esgrimidas durante a súa comparecencia, Seara destacou o feito de que “o BNG xa foi no pasado a segunda forza política con máis de 14 mil votos e o 25% de apoio. Porque nas eleccións galegas de 2020 fomos a segunda forza política no concello, con preto do 22%, porque a veciñanza recoñece o traballo rigoroso, serio e coherente desenvolto ao longo destes algo máis de tres anos de mandato, nun contexto moi difícil e complexo, e porque hai unha corrente crecente de simpatía cara o BNG, que se concreta en que cada vez son máis as persoas que entrar a formar parte da nosa organización”.

O BNG avanzou esta mañá que a súa acción política nos vindeiros meses xirará en torno a tres ideas básicas, “O CAMBIO político, un cambio político que está en marcha e que é imparable. Darlle un goberno SERIO ao concello e Devolverlle o ORGULLO a Ourense”.

Moción de censura.

Ao ser preguntado polos medios de comunicación presentes sobre a viabilidade dunha moción de censura no Concello de Ourense, o portavoz municipal e candidado á alcaldía Luís Seara quixo ser claro e tallante, “en primeiro lugar deixar claro que polo BNG falan os seus interlocutores e ningúen máis, neste caso esa persoa son eu como portavoz municipal e como responsable local da organización”.

Seara lembrou que “a primeira forza política que plantexou levar a cabo unha moción de censura hai dous anos foi o BNG, daquelas, e como era preciso o concurso do PP, plantexamos que asinasen e deixasen gobernar á forza máis votada”.

Amosouse tremendamente excéptico ante a posibilidade de que as conversas actuais entre PSdeG -PSOE e PP prosperen xa que, “o que deben explicar é porqué non houbo acordo hai dous anos, cando os vetos cruzados eran constantes e insalvables e pola contra agora xa non”.

Luís Seara queixo tamén deixar claro que en todo caso, “se PP e PSOE finalmente se poñen de acordo, algo que non cremos que aconteza, que o plasmen por escrito e que nos dean traslado do mesmo, será nese momento cando nos órganos de dirección do BNG valoraremos e decidiremos”