Stop Eólicos avanza a súa oposició a un novo polígono eólico en Verea

 A plataforma denuncia fraude por parte das empresas promotoras que presentan de maneira separada distintos proxectos que en realidade fan parte dunha mesma infraestrutura de explotación eólica.
     
    • A plataforma sinalas as graves afeccións ás augas que nutren aos concellos da contorna e os efectos sinérxicos da proliferación de aeroxeradores sobre a saúde das veciñas e veciños das aldeas.

O Concello de Verea organizou dúas reunións dos presidentes de catro comunidades de montes con persoal que di representar a unha empresa denominada ACS para negociar a instalación de aeroxeradores nos montes de Casares, Outeiro, Sanguñedo e Ourille.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo os enclaves sinalados polos enviados desta compañía, o plan consiste en colocar 6 aeroxeradores a continuación do P.E. Fontesanta, que promove Greenalia no Monte Grande entre Bande e Verea.

Diante destas circunstancias, a plataforma veciñal STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA organizou onte na Casa da Cultura do Concello de Verea unha charla informativa, coa presencia de portavoces do Sindicato Labrego Galego e Ecoloxistas en Acción, para explicar á veciñanza as características dos proxectos xa en trámite: o do Monte da Neve (Celanova, Verea) que promove Bay Wa, e o de Fontesanta así como a Liña de Alta Tensión que promove Greenalia, tres proxectos que estiveron este ano en fase de exposición pública e que a plataforma considera UN MESMO POLÍGONO que se presenta de forma fragmentada (e fraudulenta).

A estes proxectos, contra os que a plataforma promoveu alegacións (e xa conseguiu unha primeira rectificación no caso do P.E. Monte da Neve) para que a Xunta de Galicia os rexeite, súmaselle agora o plan de ACS (a plataforma descoñece se estas siglas representan ás da compañía que preside Florentino Pérez). Verea, con máis do 40% do seu territorio considerado ‘zona de aproveitamento eólico’ segundo o Plan Sectorial Eólico de Galicia, ficaría inundada de polígonos eólicos: xa hai un en funcionamento, o P.E. do Vieiro (Iberdrola), con 19 máquinas entre Bande e Verea, e quedaría exposta a máis máquinas tendo en conta o trazado da LAT (Liña de Alta Tensión).

Na charla de onte, á que asistiron unhas trinta persoas, a maioría veciñas e veciños de Verea e Celanova afectadas polo macro-proxecto, STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA, o Sindicato Labrego Galego e Ecoloxistas en Acción denunciaron que os enclaves dos aeroxeradores proxectados representan ameazas directas ás augas que nacen na chaira do Monte da Neve e no Monte Grande, ameazas que agravarían a situación dos ríos como Ourille que nutren varios concellos na comarca, así como os mananciais e fontes que dan auga as aldeas máis próximas aos polígonos.

Tamén se insistiu nas distancias entre as máquinas e as vivendas desas mesmas aldeas e nos riscos que iso representa para a saúde das poboacións, especialmente a posibilidade de sufrir os efectos do síndrome da turbina a causa dos infrasóns. Durante a charla lembrouse que as distancias establecidas no proxecto de Bay Wa a respecto das aldeas da Cigarrosa, Cardeo, Albos e Gontán serían ilegais en Alemaña (sede da empresa promotora), e que nun radio de menos de 1,5 quilómetros a respecto de máquinas, nos proxectos que se coñecen (incluído o de ACS), ficarían ademais os núcleos de Fontechide, Laioso, Casal do Bispo, Ourille, Outeiro, Sanguñedo e Os Casares. E que, ademais, a LAT de evacuación do macro-polígono pasaría moi próxima ás aldeas do Vieiro, Portela, Fontechide e Cexo, no que respecta ao municipio de Verea, afectando tamén a numerosos regatos.

A respecto dos posíbeis impactos sobre a saúde das veciñas e veciños destes e doutros núcleos próximos, na charla alertouse sobre os efectos sinérxicos da proliferación de aeroxeradores na parte máis poboada do concello. E tamén se recordou que esta área sobre a que se proxecta esta infraestrutura industrial non é a única sinalada como ‘zona de aproveitamento’. A contorna de Penagache podería ser a seguinte en quedar baixo a ameaza eólica.

A plataforma agradece a participación na charla de Santi Rodríguez, membro da Executiva do Sindicato Labrego Galego, e de Alberto Rivero, coordinador en Ourense de Ecoloxistas en Acción.