A Deputación inviste 656.540 euros en 15 proxectos municipais e na colaboración con entidades culturais ourensás

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática baixo a presidencia do titular do goberno provincial, Manuel Baltar, aprobou a concesión dun total de 656.540 euros en axudas para realizar quince proxectos en concellos de toda a provincia; unha partida destinada á colaboración coa mancomunidade de O Carballiño e dúas para entidades culturais ourensás: a Fundación Carlos Velo -para a realización da XXVII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense- e a Fundación Insua dos Poetas. 

En partidas destinadas á colaboración cos concellos ourensáns, esta mañá aprobáronse estas liñas de actuación: 17.000 euros para o Concello de Arnoia para a celebración da Arnoia Sup Challenge 2022; unha axuda de 6.000 euros para o Concello de Beariz para a publicación dun libro de xogos populares; 8.000 euros para o Concello de Cartelle destinados ao torneo internacional de fútbol sala; Castrelo de Miño recibirá 48.000 euros para a execución das obras de reforma na nave de usos múltiples e 48.000 euros para a execución de obras de mellora da capa de rodaxe en Prado-A Cuqueira; unha axuda de 22.967 euros ó Concello da Mezquita para a instalación fotovoltaica en edificios públicos; unha partida de 43.274,89 euros ó Concello de Muíños para a construción de muro de cachotería e obras complementarias en Tourós. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais, Padrenda recibirá unha subvención de 48.000 euros para executar obras de saneamento en Aldea de Souto; Ribadavia contará cunha partida de 47.297,69 para as obras de arranxo da caldeira de biomasa e o circuíto AQS no polideportivo de O Consello; o Concello de Riós recibirá un total de 55.000 euros para tres proxectos: unha mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas dentro do Plan Marco -15.000 euros-, o acondicionamento da estrada A Veiguiña – Valfarto -10.000 euros- e o arranxo dunha vía municipal -30.000 euros-. Pola súa banda, San Amaro contará cunha partida de 48.000 euros para execución das obras de renovación da iluminación pública en O Cruceiro; un proxecto social do Concello de A Veiga contará cunha partida de 16.000 euros e a Mancomunidade de Municipios da Comarca do Carballiño contará con 60.000 euros para gastos de funcionamento da entidade. 

En colaboración con entidades, a Xunta de Goberno desta mañá aprobou as mencionadas dúas axudas: unha achega de 225.000 euros destinada á Fundación Carlos Velo, para a realización da XXVII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense; e, para a Fundación Insua dos Poetas, 18.000 euros para gastos da entidade correspondentes ó ano 2022.