O incendio de 62 hectáreas en Cenlle foi provocado cortando pedra cunha radial

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Ourense veñen de esclarecer o incendio forestal iniciado o pasado 29 de agosto no concello de Cenlle e que no día de hoxe está controlado tras afectar unha superficie provisional de 62 hectáreas.

Das investigacións deduciuse que o presunto autor estaba cortando pedra cunha radial, que ao desprender material incandescente sobre a vexetación provocou o lume na parroquia da Pena.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Policía Autonómica remitiu as dilixencias polos feitos ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en funcións de Garda de Ribadavia.

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 41 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

Ante a climatoloxía actual, a Xunta apela á concienciación e á prudencia nos accesos e traballos en terreos agrarios de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.