A Veciñanza organízase fronte a nova oleada de Eólicos

A Asociación Alarma na Terra de Montes convoca unha charla informativa sobre o proxecto do parque eólico
Cabanelas que se atopa en fase de exposición pública para a presentación de alegacións ata o día 13 de
outubro. A xornada terá lugar en Valadelo (Castrelo, Forcarei) o vindeiro domingo día 11 de setembro as
11:00 horas da mañá. A convocatoria ten un dobre obxectivo informar e organizar á veciñanza afectada para
afrontar o proceso de tramitación do mesmo, así daranse a coñecer as características deste novo parque e
as afeccións que producirá na zona de implantación, a relación con outros proxectos da zona, o estado de
tramitación do proxecto e as estratexias para que este se faga con garantías e de xeito transparente. Aínda
que o chamamento está dirixido a calquera persoa sensibilizada ou preocupada pola implantación masiva de
parques eólicos na comarca de Terra de Montes-Tabeirós, a convocatoria centrase en toda a veciñanza da
zona de afectación, parroquias de Liripio, Codeseda e Sabucedo (A Estrada), Quintillán e Castrelo (Forcarei) e
Tomonde (Cerdedo-Cotobade).
A invasión eólica na comarca de Tabeirós-Terra de Montes é unha realidade á que fai máis dun ano a
veciñanza afectada se ven enfrontando sen tregua. Porén, nas últimas semanas estamos asistindo a un alude
de parques eólicos concentrados sobre unha mesma zona do territorio, a Serra de Cabanelas e as chamadas
Baiucas. Un punto xeográfico simbólico para moitos, no que se unen os concellos de Forcarei, A Estrada e
Cerdedo e no que conviven os seus especiais valores naturais e paisaxísticos cun importante legado
patrimonial arqueolóxico e cultural, así como con outro recursos que se foron convertendo en símbolo e
atractivo da nosa bisbarra como a Rapa das Bestas de Sabucedo, O Camiño da Geira e dos Arrieiros ou o
Observatorio Astronómico de Levoso.
O parque eólico Cabanelas é un proxecto que xa se ven tramitando dende hai anos e que agora se recupera
transformado pola promotora Greenalia. Sitúase a continuación do parque eólico Pedra Longa (Greenalia),
que estivo en fase de alegación apenas fai dúas semanas recibindo unha clara oposición por parte dos
afectados, e dos parques eólicos As Penizas (Greenalia), Ampliación As Penizas (Greenalia) e Borreiro
(Naturgy), en distintas fases de tramitación. En conxunto forman unha liña de 21 aeroxeradores e todas as
demais infraestruturas asociadas (torres meteorolóxicas, gabias de cableado, plataformas de cimentación,
apertura de novos viais e sobre anchos, centros de seccionamento e subestación, liñas de media e alta
tensión, etc.) que supoñerán unha sobrecarga absolutamente insostible dende moi distintos eidos e unha
merma da propia calidade de vida dos veciños.
Tendo en conta a magnitude da problemática a Asociación Alarma na Terra de Montes ten previsto
continuar ao longo das vindeiras semanas desenvolvendo máis actividades informativas e reinvindicativas e
instalación de puntos de información e recollida de alegacións. Así mesmo manteranse reunións cos
representantes das corporacións municipais dos tres concellos afectados A Estrada, Cerdedo e Forcarei co
obxectivo de acadar unha implicación real pola súa parte e o cumprimento dos compromisos adquiridos