A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou este acordo co alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco
Augas de Galicia achegará 40.000 € para financiar integramente as obras e o Concello asumirá a súa contratación e execución, ademais da titularidade das nova Infraestruturas
A actuación permitirá dotar ás vivendas situadas nesta zona do concello dispor de sistema de saneamento colectivo
O proxecto inclúe a dotación dun acceso permanente para vehículos agrícolas ás fincas da zona oeste, onde na actualidade só é posible o acceso peonil
Con estas obras todo o concello de Cortegada estará conectado á rede municipal de sumidoiros
A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que presten de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia local
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, o convenio de colaboración para dotar de sistema de saneamento municipal a zona suroeste do núcleo de Seixomil.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, financiará integramente as obras, coa achega de 40.000 euros, e prestará asesoramento técnico para a execución da actuación.
Pola súa banda, o Concello de Cortegada será o encargado de contratar as obras e asume o mantemento destas infraestruturas hidráulicas.
Na actualidade, o núcleo rural de Seixomil conta só parcialmente co servizo de saneamento, carecendo deste sistema a zona suroeste, con diversas vivendas habitadas permanentemente.
O obxectivo da actuación é o remate completo do saneamento neste núcleo, ademais de dotar dun acceso permanente para vehículos agrícolas ás fincas da zona oeste, onde na actualidade só é posible o acceso peonil.
Estas intervencións, no seu conxunto, permitirán completar totalmente o sistema de sumidoiros do municipio.
O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.