O BNG de Barbadás leva ao Pleno deste luns a implementación de equipas femininas nas Escolas Deportivas municipais

Os nacionalistas argumentan que dentro da estrutura organizativa das Escolas Deportivas do concello, apenas hai mulleres que participen nelas, non hai equipas femininas e se hai algunha participación das mozas é unicamente dentro do deporte da ximnasia rítmica

O Grupo municipal do BNG no Concello de Barbadás porá o foco, a través dunha moción, na escasa participación das rapazas nas diferentes Escolas Deportivas municipais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o Portavoz municipal Sarín Núñez, “é moi chamativo que dentro da estrutura organizativa das Escolas Deportivas da Concellaría de Deportes, apenas hai mulleres que participen nelas, non hai equipas femininas dentro das Escolas e se hai algunha participación das mozas é unicamente dentro do deporte da ximnasia rítmica”.

No BNG de Barbadás teñen claro o carácter mixto das distintas escolas deportivas existentes, fútbol, baloncesto, kung-fu, tenis ou balonmán entre outras, mais, segundo Núñez, “o que cuestionamos é que non se materialicen equipas deportivas femininas”, e engade, “dentro das Escolas de fútbol figuran 14 equipas nas que só participan os nenos e os mozos xa que a partir da categoria de cadete, establécese a imposibilidade de coparticipar nas mesmas equipas ás mozas e aos mozos”.

“Tristemente non son moitas as equipas e as competicións femininas na nosa contorna, mais temos a obriga moral desde esta institución en empurrar para que esta realidade mude de vez, e que as mozas se incorporen ao mundo deportivo e ás súas competicións na mesma medida en que o fan os mozos”.

Ante esta situación, desde o BNG de Barbadás pedirán o apoio do resto da Corporación no Pleno que o concello ten previsto celebrar este luns 03 de outubro para que, a través da Concellaría de Participación Cidadá “se poñan en marcha distintas campañas de sensibilización entre a cidadanía, coa finalidade de promocionar dentro das Escolas Deportivas do noso concello a concreción de equipas femininas que poidan participar nas distintas competicións deportivas”.