O Psedg reclama unha nova folla de ruta que permita desbloquear o pxom

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Ourense levará unha moción ao pleno do venres para reclamar unha nova folla de ruta que permita desbloquear, canto antes, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), e que garanta un desenvolvemento urbano “legal, sostible e de futuro” para Ourense. Para isto, o grupo socialista esixirá que o Goberno local proceda á convocatoria da comisión de seguimento do PXOM e que se actualice o documento inicialmente aprobado en 2013, coa finalidade de asegurar a súa garantía xurídica e evitar unha nova caída do plan coma a acontecida en 2011.

“A historia do urbanismo nas últimas décadas ten sido definida pola mala xestión do Partido Popular” denunciou Natalia González, quen condenou que a tónica habitual na xestión dos populares foron “os pelotazos urbanísticos, a especulación, o cambiazo de planos ou a condonación do 10 % dos aproveitamentos urbanísticos aos promotores da cidade”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Por mor desta nefasta xestión do Partido Popular, en 2022 estamos cun plan xeral de hai 36 anos” lamentou, ao tempo que lembrou que o goberno do PSdeG-PSOE de Ourense entre 2007 e 2015 conseguiu sacar adiante un plan ao que máis tarde se incorporaron as modificacións do Partido Popular e Jácome, cambiando por completo o sentido e “esencia” do documento inicial.

No texto da iniciativa, as e os socialistas lembran que en xuño de 2021 reclamaron a convocatoria urxente da comisión de seguimento do PXOM, logo de que o actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, anunciara a súa intención de completar o expediente do novo plan e proceder á súa aprobación cun total de sete modificacións que el mesmo encargou introducir ao equipo redactor.

“Hoxe o que hai é un documento ‘Frankenstein’ cheo de providencias de Cudeiro e de ocorrencias de Jácome, inviable e con visos de ilegalidade”, advertiu a socialista, quen insistiu na necesidade de retomar o plan aprobado en 2013, algo sobre o que o propio Manuel Cabezas, actual presidente do Partido Popular na cidade, manifestou publicamente estar de acordo, confirmando así un cambio de postura en canto aos pasos a seguir para a aprobación definitiva da nova normativa urbanística.

Así mesmo, as e os socialistas demandan que, unha vez revisado e actualizado, se realice unha segunda exposición ao público do plan, co fin de garantir a súa legalidade e seguridade, e sobre todo, para apuntalar a legalidade e seguridade do futuro urbanístico de Ourense.

“Ourense non pode permitirse outra caída dun plan xeral, temos que facer un documento no que o consenso, a seguridade e a responsabilidade sexan as claves”, insisten dende o grupo socialista. 

Saúdos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------