Semanas atrás, as traballadoras do Asilo do Carballiño acudiron ao edificio consistorial para poñer de relevo a situación no seu ámbito laboral a causa da nova dirección do Padroado da Fundación Irmáns Prieto. As mesmas traballadoras xa fixeran con anterioridade actos reivindicativos semellantes na Catedral de Ourense e no Bispado.
Nesta ocasión, ó entrar ó balcón da casa consistorial sen autorización, a Policía Local identificounas e nos últimos días fíxose efectiva unha multa de 600 euros, feito que dende Espazo Común critican a acusan ó alcalde de poder evitalo e non facelo, xa que afirman que “só usaban este acto para darlle máis visibilidade a unha problemática que xa tiña que estar resolta”.
Hoxe falamos co xefe da Policía Local, para saber o que estipula a lexislación neste tipo de casos e cal sería a correcta forma de actuar ante o sucedido. Segundo Francisco Valeiras, o que se aplicou neste caso foi a Lei de Seguridade Cidadá, polo que non debería sorprender que estas sancións chegasen.
Segundo o xefe da Policía Local, a casa consistorial é de todos os cidadáns, pero o seu uso debe estar regulado, para todo tipo de casos, tanto para exposicións fotográficas como para manifestacións.
A multa interposta partiu da Policía Local, quenes repetidas veces convidaron á abandonar ó salón ás traballadoras ata que ó non facerlles caso, procederon á sanción. A tramitación da multa correspóndelle á subdelegación do goberno en Ourense. Fumega asegura que como alcalde non ten ningún interese en sancionar a estas traballadoras e anima a que sigan o proceso e presenten un recurso.
Pola súa banda, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, asegura que nestes casos, sempre é necesario pedir unha autorización, que afirma que nunca se lle negou a ningún colectivo, poñendo de exemplo a manifestación e reunión mantida onte mesmo co sector do metal.