Gabriel Alén supervisa as obras de reforma do CRA Monterrei

– O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado  do alcalde, José Luís Suárez, as obras de reforma interior da aula de Vences do Colexio Rural Agrupado Monterrei, nas que Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades investiu preto de 42.000 euros.

O delegado territorial subliñou o esforzo inversor da Xunta en materia educativa e lembrou que no CRA Monterrei leva investido dende 2021 preto de 174.000 euros en distintas actuacións como a renovación do chan, carpinterías interiores e exteriores, a instalación eléctrica e as luminarias, a cociña e os baños do Colexio de Vilaza; a eliminación por completo da planta alta do centro e a reposición da cuberta ao seu estado orixinal, deixando un edificio dunha soa planta, así como o cambio da instalación eléctrica do Colexio de Vences; e a renovación total do centro de Pazos, onde se instalaron novos aseos,  novo chan de tarima flotante na aula, novas luminarias led, nova instalación eléctrica e substituíron  as fiestras por novas carpinterías exteriores con vidros dobre tipo climalit.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén puxo en valor estas escolas e o traballo que desenvolven a diario estes profesionais da ensinanza, “a experiencia nunha contorna rural e nun espazo natural, ofrece a oportunidade de coñecer a docentes cunha profunda vocación, altamente motivados e con gran capacidade de xestionar situacións complexas ante o cambio social”.

O representante do Goberno galego manifestou que “o vencellamento entre os alumnos e mestre é mutuo, favorecendo a experimentación e a pedagoxía activa que permite a implantación dunha educación máis personalizada, e ao mesmo tempo máis enriquecedora, pois desenvólvense e interactúan, permanentemente mesturados, convivencia e aprendizaxe”.

Por último, o delegado territorial aproveitou este encontro para amosar o seu recoñecemento aos profesores, educadores e persoal do eido educativo polo “polo voso labor activo e decidido a prol e a carón da educación e do entendemento especialmente durante a pandemia”.

Actuacións no CRA de Ribadavia

O delegado territorial tamén lembrou que no CRA de Ribadavia, dentro das obras de Reforma, ampliación e Mellora (RAM),a Consellería de Educación, Cultura e Universidade investiu 40.218 euros en diversas actuacións de mellora das instalacións, como o arranxo dos aseos da planta baixa e planta alta e a remodelación da entrada na aula da localidade de Francelos; a reforma total dos aseos, con retirada do alicatado e colocación de plaqueta de gres,  novas divisións de taboleiro fenólico e novos aparatos sanitarios con mesado para lavabo de superficie na aula de San Cristovo; e o acondicionamento como clase da planta baixa,  novas luminarias led e novos aseos na aula de San Paio.