O barrio coruñés de Monte Alto homenaxea a Manuel María e a Saleta Goi

Case 200 persoas acudiron ao chamado da asociación veciñal no marco das festas da localidade.

O barrio coruñés de Atochas-Monte Alto rendeulle hoxe unha emotiva homenaxe a dous veciños ilustres, o escritor Manuel María e a súa dona Saleta Goi, recentemente falecida. Diante do portal da vivenda dos homenaxeados acudiron case 200 persoas convocadas pola asociación veciñal que foi a entidade que programou o acto no marco das festas do emblemático barrio coruñés.

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel María e Saleta viviron de xeito continuado neste barrio coruñés desde hai 25 anos e aí permaneceron até o seu falecemento. Mais antes diso xa frecuentaban esta cidade que tanto lles gustaba e na que tantas amizades tiñan. Este é o lugar que eles escolleron para vivir e esta é a cidade e a veciñanza á que lle estaban moi agradecidos pola acollida agarimosa que lles dispensou.

Curiosamente tamén foi na Coruña onde Manuel María recibiu a homenaxe quizais máis importante da súa vida, a dispensada cando chegou á idade de xubilación. Da man da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, o 15 de setembro de 1995, o Teatro Rosalía de Castro abarrotado recibiu con música e poesía a Manuel María.

O acto comezou coa interpretación de dúas pezas musicais a cargo do grupo Son d’Aquí, formación do propio barrio integrada por gaitas, voces e pandeiretas, para logo dar paso ao representante veciñal Camilo Pardo. Este, ademais de agradecer á veciñanza a súa acollida, salientou a disposición dos homenaxeados a colaborar sempre coa asociación veciñal e con outras existentes na súa contorna próxima.

A seguir interviu Alberte Ansede en representación da Fundación Manuel María depositaria do legado dos homenaxeados. Salientou que “a gran dimensión literaria e social de Manuel María puido quizais ocultar un pouco a figura de Saleta. Mais quen coñecíamos e tratábamos á parella sabíamos ben que “Saleta era moita Saleta”. Resaltou ademais a represión que ambos sofreran por manterse no seu ideario nacionalista e a firmeza con que o defenderan durante toda a súa vida. Finalmente fixo mención a como Saleta, despois do duro golpe que lle supuxera o falecemento de Manuel María no ano 2004, tivo a “fortaleza de ánimo para emprender un difícil reto: crear unha fundación co fin de adquirir a casa natal de Manuel María e convertela en Casa-Museo que albergara a totalidade do legado do escritor que ela mesma axudara a construír. Puxo moito empeño, moito esforzo e mesmo puxo parte dos seus bens móbeis. Todo saíu ben e Saleta recuperou a súa mirada luminosa e o seu sorriso característico”.

Non faltou tampouco a intervención da veciñanza do mesmo edificio de maneira que Felipe Senén, Malena Tenreiro e Xes Senén (afillado dos homenaxeados) deron lectura a poemas de Manuel María dedicados a Saleta. Completaron a lectura Maca Silva, médica que atendeu na súa enfermidade aos homenaxeados, e María Xosé Bravo, residente no barrio e presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

O acto rematou coa interpretación do himno galego despois de facer un convite aos presentes a visitar a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, de onde “sairán cun sorriso no corazón e coa sensación de ter recibido a aperta dun irmán pois Manuel María e Saleta tiñan por irmáns a todos os galegos bos e xenerosos”.