O concello de Ribadavia celebra o compromiso do goberno central para comezar a executar este mesmo ano unha senda peonil na N-120 entre a Franqueirán e a Torre

O Director Xeral de Estradas manifestou nun encontro en Madrid coa alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, o seu compromiso para o inicio das obras dunha senda peonil que permitirá mellorar amplamente a confortabilidade e a seguridade dos desprazamentos.
 
O proxecto, moi demandado pola veciñanza da vila, será executado en varias fases, unindo os cruces de A Franqueirán ata a zona denominada da Torre.
 
A alcaldesa ribadavense destaca a boa predisposición e a incontestable sensibilidade do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (Mitma) coas demandas solicitadas, xa que tamén trataron a recuperación do proxecto de execución de dúas rotondas nesta vía.
 
17 de novembro de 2021. O Concello de Ribadavia celebra o compromiso do Goberno central presidido por Pedro Sánchez para comezar a executar, este mesmo ano, unha necesaria senda peonil na estrada N-120, entre os cruces da Franqueirán e da Torre. O goberno municipal coa alcaldesa ao fronte, Noelia Rodríguez, mantivo hoxe un frutífero encontro na sede do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) no que participou o Director Xeral de Estradas, Javier Herrero, durante o que analizaron un proxecto moi demandado pola veciñanza.


 
Na reunión que tivo lugar esta mañá en Madrid, o alto cargo do Mitma manifestou o seu compromiso coa alcaldesa para o financiamento das obras dunha senda que permitirá mellorar amplamente a confortabilidade e a seguridade dos desprazamentos peonís, nunha estrada cun importante volume de tráfico rodado.
O proxecto, que será executado en varias fases comezando antes do remate deste 2022. 
Logo da execución desta primeira fase, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana habilitará os fondos necesarios para continuar coa execución da senda ata o cruce da Torre, co fin de habilitar un itinerario peonil completo, confortable e seguro ata o núcleo urbano da vila.
 
O executivo ribadavense destaca a boa predisposición e a incontestable sensibilidade do Mitma cos proxectos da vila, xa que, ao remate do encontro, quedou patente o sólido compromiso para facer realidade unha obra demandada desde hai moitos anos para a que, en todo caso, tamén haberá dotación orzamentaria dabondo durante 2023.
 
A alcaldesa tamén tratou co Director Xeral de Estradas a execución de dúas rotondas nesta mesma estrada, concretamente nos cruces da Franqueirán e O Serralleiro. As dúas administracións acordaron actualizar o proxecto existente co fin de melloralo, polo que quedaron emprazados a vindeiros encontros para pechar a execución destas ambiciosas obras durante a próxima lexislatura.

AVANTAR ACTIVIDADES