O Delegado da Xunta presenta Azimut, unha iniciativa cultural que resalta o paso do tempo en diferentes Espazos

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou esta mañá AZIMUT, unha iniciativa cultural vencellada ao programa O teu Xacobeo que resalta o paso do tempo en diferentes espazos arquitectónicos galegos que, por diferentes circunstancias (industriais, relixiosas, económicas…) actualmente atópanse en abandono ou en desuso pero foron testemuñas dunha historia.

O delegado territorial explicou que non se trata dun proxecto contemplativo, con AZIMUT téntase fusionar este pasado con diferentes artistas galegos de diversas disciplinas e intervencións nestes lugares. Este programa pretende desenvolverse como un escaparate multicultural que mostre a Galicia máis plural e diversa, tradicional e moderna á vez, nunha mestura de arquitectura e interpretacións artísticas culturais galegas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén significou que esta representación ten como obxectivos destacar o patrimonio natural de Galicia, pór en valor o patrimonio cultural, salientar o patrimonio humano e intercambio de experiencias e achegarse á cultura da innovación. En definitiva -segundo o delegado territorial- a promoción de Galicia como destino turístico, a implicación da comunidade local e a unión do pasado coas novas tendencias artísticas; experiencias audiovisuais e concertos íntimos para ver en liña.

Deste xeito, con iniciativas como esta -manifestou Gabriel Alén-  impúlsanse un ano máis proxectos socioculturais que complementen a programación do Xacobeo neste 2022 implicando á cidadanía na súa celebración con propostas culturais e creativas que axuden a poñer en valor o Camiño de Santiago desde unha perspectiva multidisciplinar que abarque áreas como a arte, o audiovisual ou a gastronomía.

A través do programa O Teu Xacobeo apoiáronse 572 proxectos apoiados de 200 concellos galegos que supuxeron un investimento da Xunta de 8 millóns de euros e permitiron mobilizar case 15 millóns de euros en ámbitos como o turismo, a cultura, o deporte ou a acción social, entre outros.

AZIMUT

A forma de plasmar o proxecto é a través da creación de cápsulas dixitais en determinadas localizacións seleccionadas. Unha mestura entre ao vivo show e performance. Poema visual.

Estas cápsulas produciranse, nun principio, sen público, xa que o que se pretende mostrar é a experiencia global da historia e a interpretación dos artistas en cada lugar. Son pezas para o goce dixital, rápidas, directas e virais. A duración da cápsula de entre 5 a 15 minutos, e poderase visualizar a través das canles propias en Youtube, Instagram e Facebook.

Cápsula #01 (Artistas)

EQX

Un son experimental e de atmosferas cheas de texturas compoñen o universo de EQX.

As súas producións son unha mestura de xéneros dentro da electrónica, con ritmos acelerados que convidan ao baile e melodías cargadas de emoción.

A súa linguaxe é plural, sen barreiras, etiquetas, nin límites.

Mounqup

Electrónica pop experimental e catártica. Persoal, sen fronteiras de códigos nin estilos de música. Así podería describirse o traballo de Camille Hedouin, coñecida como Mounqup; unha creadora de música, vídeo e cantante francesa, establecida desde hai unha década en Galicia, onde é todo un referente.

Cápsula #01 (Localización)

Túnel e Fornos do Boulloso, A Pontenova (Lugo)

Nos primeiros anos do século XX, a industria do ferro axudou a activar económica, social e culturalmente toda a cunca do río Eo, significando a nivel europeo este pequeno recanto da provincia de Lugo: A Pontenova. O túnel por onde circulaban as vagonetas e as chemineas que queimaban os restos de fósforo dos materiais férricos extraídos do profundo da terra, permanecen como testemuñas daquel pasado mineiro e acollen as primeiras pezas de AZIMUT.

A próxima cápsula verémola nunha localización da provincia de Ourense.