O Carballiño recibe un dos galardóns do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade polos seus 25 anos de apoio

Este venres a Residencia de Tempo Libre de Panxón, no municipio de Nigrán, acollerá o acto de celebración do 25 aniversario do Fondo de Cooperación e Solidariedade. No mesmo o Concello do Carballiño será un dos que recibirá, cando a outros dez municipios de Galicia, o recoñecemento aos seus 25 anos de colaboración con esta organización que promove proxectos de cooperación internacional en África, países de Centroamérica e a India.

Con este galardón o Fondo de Cooperación e Solidariedade agradece o apoio amosado polos concellos fundadores, como é o caso do Concello do Carballiño.

AVANTAR ACTIVIDADES

O rexedor municipal carballiñés, Francisco Fumega, amosou a súa satisfacción por este recoñecemento que dá conta dos 25 anos consecutivos de apoio á solidariedade en proxectos que teñen como obxectivo erradicar a pobreza e loitar pola igualdade nos países menos desenvolvidos.

O acto da Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán, ten o seu inicio previsto para as 11.00 horas e ao mesmo acudirá o alcalde para recoller o galardón que premiará tamén o traballos doutros concellos galegos que levan 25 anos colaborando co proxecto.

Na actualidade o Fondo reúne a un cento de concellos e a tres deputacións galegas, aínda que desta volta o obxectivo da xuntanza pasa por recoñecer o apoio dos municipios que levan un cuarto de século dando o seu apoio ao proxecto.

No ano 2021 o Fondo de Cooperación e Solidariedade investiu 194.325 euros en proxectos de cooperación que se desenvolveron en Guatemala, Nicaragua, El Salvador e a India, ademais de colaborar con axuda de emerxencia en Cuba, Guatemala e ao colectivo de refuxiados saharauís. Tamén se promoveron outros tres proxectos de cooperación directa en Mozambique e un en Guinea Bissau.