A Deputación cooperará co Concello de Cortegada na mellora dos servizos públicos, abastecemento, deporte ou termalismo

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Avelino Luis de Francisco Martínez (Alcalde de Cortegada).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, co que estudou a ampliación das liñas de colaboración abertas entre ambas administracións para executar novos proxectos relacionados cos ámbitos do deporte, vivenda, abastecemento, cultura ou termalismo. 

No encontro tamén estivo presente César Fernández, vicepresidente segundo e responsable dos asuntos de cooperación cos concellos da comarca do Ribeiro. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar avanzou a colaboración do goberno provincial a tres iniciativas consideradas estratéxicas polo rexedor: unha achega para realizar prospeccións no concello, a cooperación da Deputación en proxectos culturais a desenrolar en Cortegada e melloras no pavillón municipal. 

Avelino Luis de Francisco tamén formulou como prioritarias un proxecto de sinalización e melloras no balneario novo, que “permitan reforzar a vertente turística dun concello cun enorme potencial de atracción”. 

Ademais, o presidente da Deputación e o alcalde de Cortegada acordaron a futura implicación do goberno provincial en dous proxectos cofinanciados xunto á Xunta de Galicia: a construción de vivendas sociais e novas infraestruturas deportivas para os veciños. 

“Ninguén coñece mellor Cortegada que o seu alcalde, e esta reunión é unha nova mostra da capacidade de Avelino de Francisco para detectar as necesidades e as potencialidades do seu concello”, destacou despois da reunión Manuel Baltar, que resalta especialmente o “liderado e a xestión dun equipo de goberno capaz de deseñar proxectos e presentalos na Deputación para levalos a cabo nunha perfecta cooperación interadministrativa”. 

O presidente do goberno provincial avanza o “máximo compromiso da Deputación” coa realización de “proxectos prantexados para seguir mellorando os servizos públicos e a calidade de vida dos veciños de Cortegada”.