O Psdeg tacha de “inxusta e inxustificable” a decisión da Xunta de non apostar por Ourense para albergar aesia

O PSdeG-PSOE tacha de “inxusta e inxustificable” a decisión da Xunta de descartar Ourense e apostar pola Coruña para albergar a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, e acusa ao executivo presidido por Rueda de “promover o desequilibrio territorial”, en troques do reequilibrio que perseguen as iniciativas de desconcentración e descentralización impulsadas polo Goberno central.

“Estamos a falar de políticas orientadas dende o executivo central para levar as institucións cara a aqueles lugares con problemas demográficos, posto que supoñen a creación de emprego e favorecen o asentamento de poboación en zonas castigadas pola sangría demográfica”, sinalou o secretario provincial e voceiro socialista, Rafa Villarino.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así as cousas, dende o grupo socialista consideran “inxusta e inxustificable” a decisión de deixar fóra a cidade de Ourense, “a única das candidatas que cumpría absolutamente todos os requisitos esixidos, especialmente aqueles relacionados co despoboamento e a cohesión territorial, aínda que tamén os relativos ao perfil empresarial e investigador”.

“Non entendemos que a Xunta escolla unha das únicas provincias españolas que supera o millón de habitantes cando a descentralización deste e outros organismos pretende loitar contra o despoboamento”, manifestou Villarino.

Neste sentido, as e os socialistas anuncian que emprenderán “todas as accións ao seu alcance” para reverter a “covarde e vergoñenta decisión” do executivo autonómico a respecto da descentralización deste equipamento na comunidade, apostando pola candidatura de Ourense como a máis idónea e axeitada.