Espazo Común presenta unha moción a pleno para a mellora da atención sanitaria no Carballiño

A formación de Espazo Común presenta unha moción a pleno para o seu debate na xornada de mañá na que piden a mellora da atención sanitaria no Carballiño. O texto que acompaña a esta moción é o seguinte:

“Non hai demasiado tempo case tódolos cidadáns estábamos a vivir un pesadelo distópico coa pandemia e o subseguinte confinamento. Naquel momento, o persoal sanitario eran superheroes aos que saiamos a aplaudir aos nosos balcóns cada día ás 8 da tarde. Todo eran parabéns para a xente que se xogaba literalmente a vida por salvar a doutros e dende tódalas administracións se ensalzaba a súa laboura.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para todos quedou patente o importante que é ter unha sanidade pública de calidade, ben equipada e con dotación persoal suficiente.

Pero por suposto, pasou o día e pasou a romaría.

Cando menos no Carballiño xa estamos coma antes ou peor.

As queixas que recibimos dos usuarios do Centro de Saúde son constantes e case todas xiran en torno á falla de persoal para a atención aos doentes.

Ten chegado a haber tardes nas que non hai un só médico dos tres que debería haber, isto débese, en gran medida, a que por parte do SERGAS, non se cubren as ausencias por vacacións ou días libres de ninguén. Nin en medicina, nin en enfermaría.

Isto xera moitos atrasos e moitos trastornos para xente cuxa única preocupación é a súa saúde. Outro bo exemplo é que se están a dar citas para case un mes despois para a realización de analíticas ou para máis dun mes para o servizo de fisioterapia.

Esta situación vése agravada nestas semanas pola campaña de vacinación para a gripe e o COVID-19 que está a supor aínda máis carga de traballo para un persoal xa, a todas luces, insuficiente.

Agora que tanto se fala da construción dun novo Centro de Saúde, é obriga desta corporación e sobre todo do seu goberno, velar porque no futuro non se dean estes casos e porque o que o SERGAS vai facer no Carballiño estea á altura do tratamento que reciben outras vilas coma Lalín tanto a nivel de edificación coma de servizos.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Que se cubran as ausencias por vacacións e días libres e as vacantes e que se reforce o servizo de enfermaría no Centro de Saúde do Carballiño.
  2. Que se garanta a construción dun Centro Integral de Saúde que estea á altura das necesidades da comarca do Carballiño. “