Destrución paisaxística da Serra do Larouco

  • Unha empresa tapadeira con sede en Cádiz e que non desenvolve proxectos eólicos propios saca a exposición pública unha macro central dividida en dous proxectos idénticos con 15 aeroxeradores de 150 metros de altura e dúas subestacións que evacuarían a enerxía a través dunha LAT sobre o Val do Salas até Mugueimes (Muíños).
  • O deseño da macro central correspóndese na práctica cunha ampliación agochada do polígono eólico de 49 aeroxeradores operativo no Larouco e que inzaría de muíños toda a serra até o mesmo bordo da fronteira con Portugal.
  • A aldea portuguesa de Sendim ficaría rodeada por 7 aeros que producirían altos niveis de ruído e de efecto sombra.
  • STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA convoca asembleas en Celanova e Xinzo o día 5 de novembro para concienciar á veciñanza da gravidade da invasión eólica, que se acelerou nas últimas semanas coa emerxencia de macro proxectos en Verea-Rairiz-Bande e agora en Xinzo-Baltar-Cualedro.
  • STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA iniciará unha campaña de recollida de alegacións contra o complexo Mistral-Tramontana, que incorre noutro caso de fragmentación fraudulenta, e avanza que remitirá mocións aos grupos municipais dos tres concellos afectados para que os respectivos plenos se sumen a unha declaración de moratoria eólica que xa impulsaron diferentes corporacións en toda Galiza.

A empresa Four Winds, con sede en Cádiz, promove dous proxectos eólicos que se someten a exposición pública o mesmo día, que teñen as mesmas características técnicas, na mesma área de aproveitamento eólico e que supoñen sobre o mapa unha ampliación de facto do polígono de Iberdrola no Larouco (49 aeroxeradores operativos sobre a cima da serra), compañía que adoita utilizar este tipo de sociedades interpostas e que, ademais, mantén en trámite desde hai un ano un proxecto eólico (San Martiño) que se superpón con estes.

Un graduado en ciencias ambientais con menos de 3 anos de experiencia é o encargado de asinar pola empresa Sertogal, con sede en Ourense, os estudos de impacto ambiental e outros informes sobre ambos proxectos: Mistral (7 aeroxeradores) e Tramontana (8 aeroxeradores), que suporían a destrución paisaxística da vertente galega da Serra do Larouco, alén de severas afeccións a áreas de alto valor natural como A Rousía e a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, alén dos impactos sobre as actividades deportivas, como o parapente, e turísticas que se desenvolven na zona e sobre o seu sistema hídrico, agravado polo trazado dunha Liña de Alta Tensión (LAT) que non se contempla en ningún destes estudos e que afectará ao Val do Salas no seu tránsito até a subestación de Naturgy en Mugueimes.

AVANTAR ACTIVIDADES

Malia todas estas alertas sobre as eivas e riscos dos proxectos que en realidade son un só, a Xunta consinte en someter a exposición pública nun prazo de 30 días dous documentos de máis de 3.000 páxinas cada un, nunha interpretación restritiva e irresponsábel do que debe ser un proceso de avaliación pública.

Despois de tres días en exposición pública, un dos documentos claves para analizar o proxecto no seu conxunto, o documento ’02.Planos’ do ‘Portfolio EIA refundido PE Tramontana’ (o estudo de impacto ambiental) é inaccesíbel, polo que STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA rexistrou onte un escrito diante da Xefatura Territorial de Ourense para que se corrixa o erro e o prazo de alegacións comece a contar desde que se teña producido esa corrección.

CARACTERÍSTICAS DO MACROPROXECTO

O plan de Four Winds pretende a ocupación de 1.027,83 hectáreas para chantar 15 aeroxeradores de 150 metros de altura cunha potencia total instalada de 49,5 MW (no límite de potencia para evitar a tramitación a través do MITECO) con 2 subestacións para a evacuación da produción a través dunha LAT cuxo proxecto se agocha nesta documentación.

Sobre esa LAT existe un proxecto en tramitación (Código 2021/0131) que saíu a exposición pública durante o verán de 2021 e que foi contestado STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA con alegación elaboradas pola asociación Petón do Lobo. Daquelas, desde a plataforma, denunciouse “a ausencia dunha avaliación ambiental conxunta e global a totalidade das infraestruturas” (macro polígono e LAT) que agora se repite e que volve restrinxir o dereito da cidadanía á participación pública na avaliación ambiental dos proxectos que como estes están estreitamente relacionados entre si, ademais de atoparnos diante dun claro caso de fragmentación fraudulenta pola división en dous do que en realidade é un mesmo proxecto ou, incluso, pode ser considerada unha ampliación dunha infraestrutura existente.

Lembramos aquí o que di o Informe do Consello da Cultura Galega sobre Enerxía Eólica e Paisaxes Culturais, de decembro de 2021: “É necesario un compromiso político coa integración ambiental do desenvolvemento eólico impedindo tácticas como a falsa individualización de parques eólicos contiguos que comparten infraestruturas comúns (principalmente a subestación), evitando analizar os efectos acumulativos de varias infraestruturas próximas ao avalialas por separado ou o fraccionamento dos proxectos, que se analizan como elementos illados cando parque eólico e liña de evacuación deberían ser un todo único que se examinase de forma conxunta“.

Proximidade a núcleos de poboación

San Martiño dos Peros, Sabucedo dos Peros e Sendim, aldea do municipio portugués de Montalegre, sufrirían alteracións nos niveis de ruído como consecuencia da implantación da macro central, segundo recoñece o informe de Sertogal para a promotora. Niveis que situarían o ruído nestas aldeas no rango de “sectores del territorio con predominio de suelo de uso residencial” segundo o Real Decreto 1513/2005, di a promotora. Nada di sobre os parámetros da lexislación portuguesa. Non explica tampouco porque considera que non se superan “los valores de referencia” cando equipara estas aldeas con cidades. Simplemente, recolle uns valores e sitúaos na categoría que consente eses valores para dicir que cumpre a norma.

O aeroxerador (150 metros de altura) máis próximo a San Martiño dos Peros ficaría a 646 metros da aldea; o máis próximo a Sabucedo, a 1.067 metros; de Sendim, a 588 metros, sempre segundo as medicións de Sertogal. Nun rango de menos de 2 quilómetros a respecto das máquinas están os núcleos de Vilamaior da Boullosa (1,4 quilómetros), A Quinta e Montecelo (1,6) e San Paio (1,8).

O macro polígono, na súa parte presentada a exposición pública como PE Mistral, ficaría ademais a 2,7 quilómetros do núcleo de Montecelo, no concello de Baltar, e a 2,7 da aldea portuguesa de Sendim, segundo a promotora.

Impacto sobre a fauna: 104 especies protexidas.

A macro central proxectase nunha área declarada Zona de Protección da Avifauna. Na relación de aves con presenza na área, a empresa identifica 79 especies. E identifica unha especie de peixe continental, 5 de anfibios, 14 de réptiles, 7 mamíferos e 76 aves con algún grao de protección. En total, asume que na área se atopan 104 especies con diverso grao de protección.

Augas e espazos naturais

Un 40% da superficie do macro polígono situaríase sobre unha zona de mato, e próximo aos humidais catalogados da Veiga (a 1,8 do PE Mistral), a Veiga de Farei, a Ponte da Pedra. Os humidais da Veiga e da Ponte da Pedra ficarían nun rango de 1,8 a 3,8 quilómetros das infraestruturas da macro central, segundo os dous EIA (Mistral e Tramontana). Ficarían afectados pola construción os regatos de Forcadas, do Carballo (a 136 metros dunha das máquinas do PE Tramontana), do Caneiro, do Castelo, do Carballal (a 158 metros dunha das máquinas do PE Mistral), Gundal e da Rousía. Os sete nun rango de 100 a 700 metros de diferentes aeroxeradores. E un deles, o regato do Castelo, que sería cruzado por unha das novas vías que esixiría abrir o proxecto.

Das afeccións ao sistema hidrolóxico da zona portuguesa nada se di.

A respecto dos espazos naturais protexidos que sufrirían impactos se se leva adiante a construción da infraestrutura, os EIA sinalan, alén da Zona de Protección da Avifauna dentro da que se sitúan as poligonais dos dous proxectos, o complexo Mistral-Tramontana, sempre segundo a documentación que ofrecen os documentos elaborados por Sertogal para a promotora, Four Winds, sitúase a 1,9 quilómetros do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, que ademais conta coas figuras de protección ZEC, ZEPA e ZPVN, e fai parte da Rede Natura. O Parque está incluído na Reserva da Biosfera Transfronteriza Gerês-Xurés. Cabe sinalar, que nas alegacións a diferentes proxectos con previsíbeis impactos sobre o Parque Natural, desde PE Fontesanta e PE Lamas de Feás, ambos de Greenalia, até o PE San Martiño, de Iberdrola, STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA vén solicitando un pronunciamento dos órganos xestores e do comité científico a Reserva da Biosfera. Neste aspecto, a Reserva da Biosfera da Área de Allariz acaba de se pronunciar en prol dunha moratoria sobre a instalación de centrais de produción de enerxía eólica na zona de reserva.

A invasión esténdese desde o Larouco cara o Xurés

Nun rango de 15 quilómetros ao redor do macro polígono Mistral-Tramontana estarían outras 3 centrais eólicas: Lamas de Feás e Lamas II, con 16 aeroxeradores entre Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos; Larouco, 49 en funcionamento (na práctica, a central que se pretende ampliar); e San Martiño, 4 aeroxeradores. Os dous documentos de EIA non contemplan entre os efectos sinérxicos asociados ao macro polígono a LAT de Greenalia proxectada desde a central eólica de Lamas cara ao norte.

É dicir, nun diámetro de 15 quilómetros, levantaríanse 84 aeroxeradores. 68 deles sobre a serra do Larouco. E isto só tendo en conta o territorio do Estado español, porque nese mesmo rango, en territorio de Portugal, xa existen varias centrais eólicas, entre elas, a de Cabeço Alto (9 máquinas), na mesma raia e apenas a uns centos de metros do límite do Parque Natural do Xurés.

La introducción de estos elementos en el territorio provoca fragmentación en los hábitats, el cual es un proceso en el cual un territorio es transformado en un número de parches más pequeños que se encuentran aislados entre sí por una matriz con propiedades diferentes a la del hábitat original“, recoñece a empresa nos dous documentos de impactos sinérxicos.

De levarse a cabo estes proxectos, na a raia entre o Larouco e o Xurés habería unha liña de 73 aeroxeradores, tal e como vén denunciando esta plataforma desde que o complexo Mistral-Tramontana comezou a emerxer, primeiro a través do proxecto inicial de LAT do Xurés, no verán de 2021, e desde o pasado mes de xaneiro, como proxecto xa máis claramente vinculado a unha ampliación da central eólica de Iberdrola no Larouco.

Impactos sobre o patrimonio cultural

O propio estudo de impacto patrimonial recoñece un impacto SEVERO sobre o Castro da Boullosa (asentamento da Idade de Ferro, preto de Montecelo en Baltar), e impactos tamén sobre o xacemento neolítico Anta, na Boullosa, e sobre o Castelo do Portelo, en San Martiño dos Peros. Trátase de bens incluídos no inventario de Patrimonio Cultural de Galiza. Isto aparece na Memoria sobre o impacto no patrimonio cultural do proxecto PE Mistral, no que o arqueólogo responsábel da prospección advirte: “una parte del terreno donde se pretende ejecutar el proyecto se encuentra completamente invadida por la vegetación de monte, lo cual dificultó enormemente la correcta visualización de su superficie durante la prospección. (…) hay que tener en cuenta que bajo esta manta de vegetación podría haber algún elemento no detectado durante estos trabajos de prospección”.

Unha advertencia similar, polo mesmo autor, queda plasmada en termos moi parecidos na Memoria sobre o impacto no patrimonio cultural do proxecto PE Tramontana, que sinala impactos SEVEROS sobre o Pozo dos Mouros-Casa da Neve (en Lucenza, Cualedro) e sobre a Igresiña dos Mouros (na Saceda, Cualedro), elemento este sobre o que indica: “En la actualidad se encuentra bastante alterado por el emplazamiento de un aerogenerador del parque eólico de Larouco y por el vial de acceso al mismo“. Tamén alerta de impactos moderados sobre os túmulos neolíticos da Lama Grande (en Montecelo, Baltar) e Medorra (Vilela, Cualedro). E sinala impactos “compatíbeis” sobre dous conxuntos de casas, a Igrexa de Santiago e o seu adro, unha fonte e un lavadoiro na propia aldea de Vilela (núcleo que, como o de Gudín, pertencente a Xinzo, estivo ameazado polas lapas do gran lume de agosto de 2015 no Larouco).

Impacto paisaxístico

FRAGA DA ROUSÍA. A máquina 8 do PE Tramontana (8Tra) ficaría a 65 metros ao leste da Área de Especial Interese Paisastico Fraga da Rousía. A máquina 7 do PE Mistral (7Mis) ficaría a 202 metros ao oeste da Área. A máquina 7Tra, a 255 metros; a máquina 6Tra, a 523; a máquina 6Mis, a 449 metros; 5Tra, a 904 metros; a 5Mis, a 940 metros. As 15 maquinas de 150 metros de altura estarían nun rango de 2,7 quilómetros a leste e oeste da Área.

O estudo recoñece que o PE Tramontana afectaría paisaxisticamente ao 96% da superficie da Fraga da Rousía, e o PE Mistral, ao 99% da Área.

PENEDOS DA RAÍÑA LOBA. O complexo Mistral-Tramontana tería afeccións sobre a Área de Especial Interese Paisastico Penedos da Raíña Loba, os 15 aeroxeradores de 150 metros de altura quedarían nun rango de 3,9 a 6,2 quilómetros. O estudo recoñece que o PE Tramontana afectaría paisaxisticamente ao 61% da dos Penedos da Raíña Loba, e que o PE Mistral afectaría sobre un 63% da Área.

PENAS DA SERRA DO LAROUCO e SERRA DA PENA-O COUTO MIXTO. No caso da Área de Especial Interese Paisastico Penas da Serra do Larouco, ao 8 máquinas do PE Tramontana situaríanse nun rango de 3,7 a 6,1 quilómetros segundo o informe de impacto paisaxístico elaborado polo técnico de Sertogal. E sobre a Área de Especial Interese Paisastico Serra da Pena-O Couto Mixto, a unha distancia de 3,4 a 5,7 quilómetros.

O estudo recoñece que o PE Tramontana afectaría paisaxisticamente ao 37% da Área das Penas da Serra do Larouco, mentres que o PE Mistral afectaría a un 27% da Área da Serra da Pena-O Couto Mixto.

Ademais, os núcleos de Montecelo, Vilamaior da Boullosa, Baltar, Santo Antoíño, Gomariz, Tixós, San Paio, Niñodaguia, Covas, Tosende, Garabelos, Santiago, O Bouzo, A Quinta, Tosende, San Martiño dos Peros, Sabucedo dos Peros, Rubiás e As Maus, nos concellos de Baltar, Calvos e Os Blancos, sufrirían impacto visual. O autor do estudo para Sertogal conclúe que “la incidencia paisajística sobre los núcleos de población no es demasiado elevada debido a la baja densidad poblacional“. É dicir, podemos escarallar as vistas que total quedan catro…

Impacto sobre desenvolvemento económico

O Club Parapente Baltar e veciñas e veciños do municipio de Baltar xa manifestaron o seu rexeitamento ao proxecto do complexo Mistral-Tramontana, que excluiría definitivamente á Serra do Larouco como escenario dunha práctica deportiva que contribúe á dinamización da actividade económica na zona. Clubs e federacións, incluídas a española e a portuguesa, xa se pronunciaron en xaneiro pasado en contra da LAT do Larouco, promovida por Iberdrola para unir o PE San Martiño co PE Larouco. A LAT do Larouco tivo ademais a oposición dos concellos de Baltar e Xinzo de Limia. A Serra do Larouco ten acollido máis de corenta competicións de carácter internacional nos últimos 27 anos.

No 2017, un estudo académico publicado na revista Anales de Geografía da Universidad Complutense de Madrid, advertía: “La Sierra del Larouco es percibida y definida como un espacio de elevado interés natural que integra componentes de gran belleza escénica, favorable para pasar el tiempo de ocio y para la práctica de diversas actividades en la naturaleza. Este aspecto supone una ventaja de partida en su necesaria dinamización territorial”.

Durante o ano 2022, veciñanza do Larouco, desde Lucenza até a Boullosa, organizouse para defender a serra de novas agresións. Celebrouse unha marcha a finais de xaneiro e outra no verán nas que STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA tomou parte e contribuíu a difundir.

Continuaremos na defensa do Larouco e de todas as nosas montañas (A Aguioncha, o Monte Grande, o Monte da Neve) e ríos e veigas ameazadas, na promoción do dereito á paisaxe, ao patrimonio natural e cultural, á saúde e ao acceso á agua. Nas próximas semana iniciaremos unha campaña de recollida de sinaturas nas cabeceiras de comarca e outros puntos das zonas afectadas en Terra de Celanova, na Baixa Limia e na Limia, coa colaboración doutras plataformas, colectivos ecoloxistas, asociacións culturais, sindicatos e partidos políticos.